A Policía Autonómica esclarece un incendio en Vilanova o 1 de agosto e investiga o presunto autor
Por Redacción
Os policías do Grupo de Investigación de Incendios da Xefatura de Policía Autonómica de Pontevedra lograron esclarecer a autoría dun incendio forestal rexistrado en Vilanova de Arousa o pasado 1 de agosto.
Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, a actuación realizárona en colaboración con axentes facultativos medioambientais.
Os policías procederon a tomar declaración como investigado a un home como presunto autor do lume forestal, rexistrado na parroquia de Deiro como consecuencia dunha queima de restos forestais non autorizada que, ademais, levouse a cabo sen cumprir as medidas de seguridade.
O lume afectou a unha superficie de 0,02 hectáreas de monte arbolado e polo mesmo xa se están a realizar dilixencias no Xulgado de Garda de Vilagarcía de Arousa.
A Consellería de Presidencia lembra que en período de alto risco non se poden realizar queimas de restos forestais.
No que vai de ano, un total de 58 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.