Desbloquean o paseo peonil a Os Praceres: sae a licitación por dous millóns de euros
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno estatal desbloqueou o proxecto para a construción dun paseo peonil entre Pontevedra e Marín ao longo da autovía de Marín, que completará o paseo actual no tramo entre Pontevedra e Os Praceres.
O Boletín Oficial de Estado (BOE) publicou este martes o anuncio da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar para a licitación das obras por un importe de 2.093.358,54 euros.
As empresas interesadas deberían entregar as súas ofertas á Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar. O prazo para a recepción de ofertas ou solicitudes de participación terminará o próximo 10 de setembro.
A obra licitada ten un prazo de execución de nove meses e consiste na execución dun itinerario peonil que conecte Pontevedra e Marín, unindo os tramos de itinerario actualmente existentes: a pasarela peonil que parte de Os Praceres cara a Pontevedra e o paseo ciclo-peonil que parte de Pontevedra cara a Marín.
O trazado discorre pola liña de ribeira do mar, polas estradas PO-12 e PO-11. A titularidade da primeira delas foi cedida polo Ministerio de Fomento ao Concello de Pontevedra, administración que puxo os terreos a disposición para a execución das obras sobre o citado viario, tal e como se definen no proxecto.
O proxecto consta de dous tramos ben diferenciados. O primeiro é un tramo de algo menos de 800 metros no que se executará unha pasarela peonil de 2,5 metros de anchura, que dá continuidade á actualmente existente paralela á PO-11 na zona de Os Praceres. A pasarela será metálica e apóiase sobre pilotes fincados no leito mariño.
O segundo tramo, de algo menos de 1.250 metros, consistente en dar continuidade ao paseo que actualmente sae de Pontevedra en dirección Marín pola PO-12. Para a súa execución, utilizarase, suprimíndoo, o carril dereito da calzada sentido Marín ata o ramal da ligazón coa PO-11, a partir do cal se continuará polos terreos anexos ao mar do trazado antigo da estrada (actualmente en desuso). O paseo terá unha anchura duns 4,5 metros, incluíndo unha senda peonil e un carril bici.
Este tramo inclúe a execución dunha glorieta e a modificación dun ramal da ligazón coa PO-11, con todas as actuacións de pavimentación, drenaxe, iluminación, sinalización, balizamento e defensas necesarias.
VALORACIÓN POSITIVA DO CONCELLO
A concelleira Carme da Silva asegurou que desde o grupo de goberno "queremos congratularnos de que hoxe saia publicado no BOE a licitación da conexión peonil a Praceres".
"O bo é que despois de moitísimo traballo, despois de moitísimo seguimento deste proxecto, por fin vexa a luz a execución da obra co procedemento de licitación que abre o Ministerio" asegurou Da Silva, quen lembrou que este proxecto implicou "moitísimo traballo por parte do Concello".
Neste sentido lembrou que a Administración local tivo que asumir a titularidade da PO-12 para que a obra puidese saír a diante e que, na actualidade, os técnicos municipais están estudando o tramo final en colaboración co Ministerio de Fomento.
Carme da Silva celebrou que, de cumprirse os prazos, "agardemos que o vindeiro ano xa poidamos disfrutar desta senda".
Relacionadas:
-
Un problema xurídico imposibilita que os cidadáns poidan gozar do paseo marítimo entre Pontevedra e Marín
Por Marisa Ciordia |
-
As obras do paseo peonil e ciclista cara Marín comezarán "a lo largo de 2020"
Por Alejandro Espiño |
-
Proposta a Fomento para que incorpore un dos carrís da autovía ao paseo a Praceres
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os terreos para o paseo a Marín xa están nas mans de Costas
Por Redacción |
-
O paseo peonil entre Pontevedra e Marín, máis preto
Por Redacción |
-
Costas unirá Pontevedra e Os Praceres no primeiro treito do paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño |