Miguel Filgueira é profesor, empresario, ex concelleiro en Pontevedra e moteiro. Trece mil catrocentos quilómetros contabilizan a súa última viaxe sobre dúas rodas: Pontevedra - Ulán Bator, capital de Mongolia. España, Italia, Grecia, Turquía, Xeorxia, Rusia, Casaquistán, de novo Rusia e Mongolia. Circulou por todo tipo de vías, desde altísima capacidade ata os máis complicados camiños de terra. Máis dun ano antes de arrincar, os once compañeiros de viaxe xa estiveron a xestionar e deseñando o roteiro, necesidades burocráticas e de continxencia.
Durante algo máis dun mes foi compartindo esta experiencia en breves vídeos subidos ao seu perfil de Facebook. Precísamente esta parte de rede social era a que non estaba prevista como explica en PontevedraViva Radio. "Foi xurdindo", comenta. Inicialmente o primeiro vídeo foi para informar o seu círculo persoal de que todo ía ben. Ao ver o seguimento que tivo decidiu ir subíndoos a diario.
Neste Cara a caracomparte un diagnóstico humano, xeográfico, paisaxístico, económico, cultural, relixioso, gastronómico, turístico e automobilístico do periplo. E sobre todo, unha aprendizaxe vital inesquecible. "Estas cousas son as que che fan recapacitar. Unha das conclusións ás que cheguei é que se pode ser feliz tendo pouco. Outra: temos que coidar o planeta porque nolo estamos cargando e recuperar a solidariedade entre as persoas que aquí perdemos".
Eles, os moteiros, regresaron o pasado tres de agosto; as motos, neste caso a 'Invencible', unha BMW GS 1200, segue facendo a viaxe de volta. Con ela percorreu toda a Península, e varios países europeos. O seu "punto aventureiro" xa apunta próximos destinos como Senegal, Escandinavia, países bálticos e "encantaríame Suramérica - di -, pero creo que terei que deixalo para a xubilación".