A Deputación súmase á campaña internacional "Breathlife", respira a vida
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra adheriuse á campaña da Organización Mundial da Saúde, Nacións Unidas e a Coalición Clima e Aire Limpo que se coñece internacionalmente como “BreathLife” e que en España denominouse "Respira a Vida".
A entidade que preside Carmela Silva convértese, deste xeito, na terceira representante institucional española en sumarse a un proxecto no que, a día de hoxe, só participan o País Vasco e Cataluña.
Deste xeito a Deputación asume os obxectivos da campaña: involucrarse no cumprimento das directrices da OMS sobre calidade do aire para o ano 2030, reducir á metade o número de mortes relacionadas coa contaminación atmosférica no ano 2030 e reducir o ritmo do cambio climático en 0,5 graos para o ano 2050.
A iniciativa "BreathLife" foi presentada este martes por Carmela Silva, acompañada da deputada delegada de Transición Ecolóxica, Medio Ambiente, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas. Silva destacou que a contaminación atmosférica, "o asasino invisible", causa 7 millóns de mortes ao ano no mundo e 10.000 en España, "máis que os accidentes de tráfico".
A Deputación de Pontevedra ten fixado para este novo mandato municipal como unha das súas liñas transversais o medio ambiente cara a transición ecolóxica, polo que esta iniciativa encaixa perfectamente na súa “folla de ruta” e nos intereses xerais da provincia.
Carmela Silva subliñou tamén que a participación neste proxecto internacional contribúe a situar á Deputación nunha posición máis competitiva para captar fondos europeos no marco da Axenda Urbana 2030.