O colexio Xunqueira I terá unha caldeira máis eficiente o vindeiro curso
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este martes o CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, acompañado de responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación, co obxectivo de comprobar as obras de mellora da sala de caldeiras que se están a efectuar nestes intres.
As obras, que contan cun orzamento de 37.300 euros, están avanzando a bo ritmo, co obxectivo de que estean listas para o próximo comezo de curso.
Os traballos permitirán reducir o consumo de combustible e mellorar os parámetros de confort térmico. "Ademais, a instalación tamén gañará en eficiencia enerxética, xa que así poderase independizar os emisores térmicos segundo a temperatura acadada en cada espazo", explicou Cores Tourís.
O proxecto supón a modernización do grupo térmico, a mellora do sistema de control e de distribución do fluído caloportador con bombas de circulación variable, a instalación de válvulas termostáticas nos emisores térmicos das aulas, realizando deste xeito un control de temperatura en cada espazo do centro, así como a instalación de purgadores automáticos en tódolos emisores do segundo andar.
O delegado territorial engadiu que tamén "temos obras priorizadas nos colexios de Cabanas, Marcón e Vilaverde-Mourente, aínda que as que van a comezar de xeito inmediato serán os do CEIP A Carballeira, onde temos comprometido a execución do comedor. Esta obra conta cun elemento patrimonial que retrasou lixeiramente a súa posta en marcha, xa que o colexio conta cun petroglifo que debe ser protexido", matizou Cores Tourís.