A Xunta exixe á presidenta da Deputación "que cese na súa estratexia de caos"
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia expresou a súa "estupefacción" ante a "actitude airada e inxustificada" da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, polas súas declaracións nas que acusaba ao conselleiro de Turismo, Román Rodríguez de mentir na presentación do balance da Comunidade no primeiro semestre.
Nun comunicado o Goberno galego dí que Carmela Silva "amosa un profundo descoñecemento da realidade turística" e lamenta que a representante provincial "reaccione insultando cando se ofrecen datos rigorosos e opte por unha estratexia de confusión prexudicial para o sector e para a cidadanía".
O Goberno galego reitera que "sempre" traballa "coas fontes máis solventes" á hora de medir a evolución turística, e sinala que a Consellería de Cultura e Turismo conta cun "reputado" departamento técnico de estudos, que traballa en colaboración coas principais institucións estatísticas autonómicas e nacionais e busca "ofrecer certezas" para a toma de decisións dos profesionais do sector e para as políticas públicas.
Engade este comunicado que a Consellería de Cultura e Turismo e o Instituto Nacional de Estadística, un organismo adscrito á Administración Xeral do Estado, manteñen un acordo de colaboración polo que achega á Xunta de Galicia datos periódicos deste destino.
Por estes motivos, a Xunta "exixe unha rectificación" á presidenta da Deputación e "que cese na súa estratexia de caos". Neste contexto, o Goberno galego "censura o permanente estado de confrontación da presidenta da Deputación".
Relacionadas:
-
Carmela Silva asegura que "o señor conselleiro mentiu" cos datos de turismo da cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación desconfía das cifras de turismo da Xunta: "eses datos nin me cadran nin os miro na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O turismo galego "medra en cantidade, pero sobre todo en calidade"
Por Redacción |