O alcalde de Ponte Caldelas volve reclamar unha ambulancia asistencial: "Estamos moi mal atendidos"
Por Almu Dapena
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, considera necesario contar con unha ambulancia asistencial no Concello para mellorar a atención das asistencias sanitarias xa que daría resposta aos municipios próximos posto que "as festas doutros concellos non poden poñer en perigo a saúde dos nosos veciños", argumentou.
Díaz cree que desde a Xunta de Galicia deberíanse ter en conta a cantidade de festas de verán dos concellos da comarca de Pontevedra e intensificar os servizos de emerxencia de todo o territorio xa que, desta maneira esa mellora acurtaría nun mínimo de 20 minutos os tempos de atención a todos os veciños de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Soutomaior, Fornelos e Ponte Caldelas, que actualmente contan cunha atención máis deficiente.
A situación máis grave ocorre na Lama e en Cerdedo-Cotobade onde adoita acudir a ambulancia de Avión (Ourense), xa que é frecuente que os recursos de Pontevedra estean ocupados. Así mesmo, o alcalde quixo engadir que no rural "a diferenza entre a vida e a morte, moitas veces é o tempo de resposta e consideramos que estamos moi mal atendidos".
Desta maneira, reclama que a solución idónea para a instalación da ambulancia sería en Ponte Caldelas dada a súa posición xeográfica central cubrindo a unha área moi demandante deste servizo.