Detido en Marín un home que conducía sen carné un coche roubado
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil interceptou este martes en Marín a un home cando conducía un vehículo que subtraera a noite anterior no municipio de Moaña.
Segundo explicaron fontes oficiais do Instituto Armado, a secuencia dos feitos que concluirían coa detención deste home veciño de Cangas iníciase á primeira hora da mañá cando unha patrulla de seguridade cidadá da Compañía da Garda Civil de Pontevedra detecta a presenza deste vehículo nas proximidades do poboado chabolista do Vao.
En principio a súa localización non espertou máis que unha mera sospeita tendo en conta de que nin o propietario tiña antecedentes nin o vehículo figuraba como subtraído.
Apenas media hora despois, o propietario do vehículo denuncia no Posto da Garda Civil de Moaña que a noite anterior subtraéranlle o vehículo cando o tiña estacionado na rúa, preto do seu domicilio nas proximidades do campo de fútbol de Domaio.
A alerta da subtracción coñécea inmediatamente a patrulla da Compañía de Pontevedra e ás 13:30 horas da mesma mañá localizan o mesmo vehículo circulando por unha céntrica rúa do centro urbano de Marín.
Tras un breve seguimento do vehículo, conseguen darlle alcance e proceden á detención do seu condutor e único ocupante, un veciño de Cangas, de 45 anos, cun amplo historial delituoso.
Acúsaselle dun presunto delito de furto de uso de vehículo de motor e ademais outro contra a seguridade viaria por conducir sen obter nunca o permiso de condución.
Unha vez instruídas as dilixencias, o detido quedou en liberdade coa obrigación de comparecer no Xulgado de Instrución de garda de Marín, cando sexa requirido.