A campaña "Volta ó cole" exténdese a Monte Porreiro, Loureiro Crespo e A Parda
Por Redacción
Tal e como avanzara a concelleira de Promoción Económica Yoya Blanco nunha reunión mantida recentemente coa asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental, a campaña municipal "Volta ó cole" extenderase nesta edición aos establecementos comerciais de Loureiro Crespo e dos barrios de A Parda e Monte Porreiro.
A Concellería de Promoción Económica e Turismo vén de facer públicas as bases que regularán a participación voluntaria dos comercios nesta iniciativa municipal, que se desenvolverá entre os días 1 e 15 de setembro e que sorteará sete vales por valor de 100 euros para canxear nos locais adheridos á campaña.
A campaña pretende premiar a fidelidade dos clientes e incentivar as compras no comercio local de Pontevedra durante este período de volta ao cole. Para levala a cabo, repartirase entre os establecementos un cartel que deberá estar visible no escaparate e un talonario de boletos para a recollida do teléfono do cliente co selo da tenda, que será cuberto polo propietario no momento da venda.
Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, a web do Concello exhibirá unha base de datos cos comercios participantes, que deberán inscribirse antes das 13.00 horas do xoves 29 de agosto. "Haberá sete sorteos de 100 euros en cada vale de compra para gastar integramente en sete dos locais comerciais da campaña", apunta Yoya Blanco.
Os sorteos efectuaranse na Casa da Luz o vindeiro 24 de setembro ás 13.00 horas e os premios serán comunicados por vía telefónica. Os gañadores disporán du mes a partir do día seguinte ao sorteo para canxear o vale íntegro en calquera dos establecementos participantes.
Para Yoya Blanco, "resulta prioritario que este tipo de campañas de apoio ao comercio local se extenda non só polo centro da cidade, senón que tamén cheguen aos barrios e parroquias do rural".