Marín ultima os preparativos para a Festa Corsaria
Por Oskar Viéitez
Nun sinxelo acto no salón de plenos do concello marinense a responsable de festas Marian Sanmartín, acompañada por membros do equipo de goberno, entregou as credenciais e bandeiras a particulares, asociacións e hostalería que instalarán nas súas mesas e terrazas durante a celebración da oitava edición da Festa Corsaria que levantará o seu pano este venres.
De particulares máis de 1.700 persoas comerán e cearán repartidas polo centro urbano da vila, batendo o récord de participación de todas as edicións anteriores. As zonas máis solicitadas do mesmo xeito que en anos anteriores, son a zona do Parque Eguren, Fondo do Saco e a súa contorna, rúa do Sol, Lameira, Augusto Miranda, Méndez Núñez e a zona do parque infantil da avda de Ourense.
A totalidade dos locais de hostalería que están nas zonas principais da Festa solicitaron participar e acollerse á decoración e ambientación dos seus locais e terrazas. Moitos destacan a gran demanda que están a ter de comidas de familias e cuadrillas que decidiron compartir e celebrar ese día na hostalería marinense.
TRÁFICO
Na presente edición desde o concello púxose moito interese no plan de seguridade, estando coordinado baixo a tutela da Policía Local que dispuxo un amplo dispositivo que obriga a pechar ao tráfico todo o centro urbano. Así quedará prohibido aparcar e circular en Lameira, Banda do Río, desde o venres 16 ao domingo, ás 14 horas.
A festa que terá como distintivo ao barco inglés Helen, un buque de 44 canóns que desempeñou un papel crave na batalla de Aguete de 1800.
CONCERTOS
O venres A Banda de Balbina ofrecerá un concerto ás 21.30 horas na Alameda mentres que no parque Eguren os Cantos de Taberna ofrecerán un recital de música popular a cargo de Abóbriga antes do concerto, sobre a unha da madrugada, a cargo dos Black Stones & Desconcerto.
MERCADO CORSARIO
O mercado corsario abrirase o venres entre as rúas Real e Sol. Para o público infantil habilitarase un espazo entre as rúas Méndez Núñez e A Estrada, haberá xogos tradicionais na Rúa do Sol, talleres de oficios na Rúa Real.
O desembarco corsario terá lugar o sábado.