O chef Pepe Solla conducirá o acto de inauguración do novo espazo gastronómico do Mercado
Por Oskar Viéitez
O recoñecido cociñeiro pontevedrés Pepe Solla será o encargado de presentar o acto de inauguración do novo Espazo Gastronómico do Mercado de Pontevedra, que terá lugar o xoves 22 de agosto a partires das 20.00 horas.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e o chef Pepe Solla, compareceron este venres en rolda de prensa para presentar o amplo programa de actividades de lecer organizado para este evento inaugural que inclúe os obradoiros infantís, unha sesión musical cos DJ Santi Mille, Marcos Sonseca e Arturo Delgado e un concerto en directo a cargo do grupo de soul Bea Mazaira & Iago Marta.
A ludoteca do Mercado "O Ganapán" ofertará unha programación especial entre as 20.00 horas e a medianoite para os nenos de entre 4 e 11 anos que acudan coas súas familias ao acto de inauguración do día 22 de agosto. Os nenos aprenderan a facer cócteis sen alcol, petiscos, e participarán en xogos de probas e xincanas.
Yoya Blanco indicou que o acceso ao espazo será libre, polo que non é preciso levar invitación.
Pola súa banda Pepe Solla afirmóu que "é fundamental revitalizar o mercado como centro neurálxico de desenrolo económico da cidade" e engadiu que unha visita á praza de abastos "dalle un valor engadido á gastronomía do lugar onde un nace".
O novo "gastroespazo" que botará a andar a vindeira semana ocupa a totalidade do primeiro andar do Mercado e centrará a súa actividade nunha oferta gastronómica variada, con venda de produtos elaborados no propio espazo, combinando a produción local, ecolóxica e gourmet con propostas máis exóticas.
Os clientes do novo espazo gastronómico poderán desfrutar de trece postos, quedan outros doce baleiros. Ofertas coma unha mexillonería, unha vermutería-coctelería, postos de venda de piadas, ensaladas, zumes, smoothies e sobremesas artesás, cociña tradicional galega e caseira, hamburguesas, fingers e zorza con salsas especiais, unha merluzateca, polbería, cervexa artesá, afumados e conservas e viños galegos, entre outras propostas.
A ambientación deste Espazo Gastronómico Sostible xira arredor dos produtos e materiais da zona, poñendo o foco na pesca e o mar. Por este motivo, incorporáronse ao "atrezzo", suspendidas no teito, tres embarcacións típicas das Rías Baixas: unha dorna, unha gamela e unha chalana. As barcas foron recuperadas e restauradas pola Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo.
A reforma do primeiro andar do Mercado de Pontevedra foi realizada pola empresa ACEVI grazas a un orzamento de 218.682 euros e financiouse nun 80% a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).