Nin festa sen rosquillas, nin fogos artificiais sen control da Garda Civil
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Non hai festa na provincia de Pontevedra cada verán na que non haxa unha rosquilleira e difícil resulta que haxa unha na que non se utilice algún tipo de artigo pirotécnico. Por tanto, a ecuación resulta clara: non hai festa á que falte a Unidade de Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil. O cabo primeiro Amable Graña Macenlle, responsable do equipo de inspeccións da Garda Civil de Pontevedra, que percorre todo canto festexo se celebra para verificar que os espectáculos pirotécnicos cumpren a lexislación e garanten a seguridade dos asistentes, chancea coa comparación, e, neste caso, a broma convértese no mellor símil do traballo do instituto armado: “En verano, las rosquilleras y nosotros estamos todos a uno. Nos las conocemos a todas”.
A Garda Civil ten delegadas as competencias da vixilancia da lexislación vixente en materia de artigos pirotécnicos e cartuchería en todo o territorio nacional en cumprimento da Lei de Seguridade Cidadá, tamén nas demarcacións cuxa seguridade é competencia da Policía Nacional, polo que o equipo que dirixe o cabo primeiro Graña, con base na Comandancia Provincial, e as unidades de Intervención de Armas dos distintos postos da Garda Civil acoden a todas as celebracións para realizar un exhaustivo control.
Ese periplo que entre maio e outubro os leva a redobrar horarios e esforzos levou este venres ao cabo primeiro Graña e ao garda José Carlos Leal Ruibal á praia de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo). Unhas horas despois estaba convocada a gran tirada de lumes das festas de San Roque e, como fan a diario, alí acudiron eles durante a tarde.
A súa tarefa, en realidade, xa empezara moito antes de chegar á praia e de atoparse cunha zona acordoada e coa curiosa imaxe de quilos de explosivos dispostos para iluminar o ceo a medianoite a tan só uns metros de bañistas e veciños e turistas tirados na toalla. Con 15 días de antelación ao espectáculo pirotécnico, a empresa encargada do mesmo debe presentar un plan na Subdelegación do Goberno, que debe recibir a visto e prace da área de Industria e da propia Garda Civil, de modo que, unha vez aprobado administrativamente, remítese a Intervención de Armas e Explosivos para que o supervise.
Para o espectáculo de Portonovo a empresa Pirotecnia López cumpría todos os requisitos sobre o papel, de modo que só faltaba comprobar que tamén o facía sobre o terreo. Os gardas chegaron ás cinco da tarde, sete horas antes da gran tirada de lumes e, durante hora e media dedicáronse a un control exhaustivo de que ese plan verificado documentalmente se levaba á práctica.
“Venimos y certificamos fehacientemente que se cumplen las condiciones que se ha dicho en papel”,explica o cabo primeiro Graña. E empezan un repaso pola zona acordoada para comprobar as medidas de seguridade; a procedencia, cantidade e calibre do material utilizado e os mecanismos de detonación; e que o persoal que realiza o disparo estea debidamente cualificado e autorizado para este labor. .
Neste caso, todo resultou estar en regra e tamén a seguinte e última parte do seu traballo: verificar que se adoptaron as medidas se seguridade preceptivas para o momento da tirada. É obrigatorio que se estableza un dispositivo de seguridade con Protección Civil, a Policía Local e a Garda Civil ou Policía Nacional para minimizar calquera risco para a cidadanía asociado a este actividade, así como o establecemento dun perímetro de seguridade.
Mentres asina toda a documentación, o cabo primeiro confirma que todo está en regra e que, en realidade, esta é a situación máis habitual que se atopan en todas as festas ás que van. “Habitualmente es gente profesional” e a colaboración coa Garda Civil é total. “Ya vienes preparado para saber lo que te vas a encontrar, no es ninguna sorpresa”, explica.
O seu equipo procura ir a todo canto espectáculo supere os 50 quilos de explosivo (neste caso, supera os 100) e, aos que non poden chegar os catro integrantes desta unidade, acoden os servizos de Intervención de Armas dos cuarteis máis próximos.
Os quilómetros, por tanto, son moitos e a experiencia acumulada, incalculable e permitiulle comprobar que xa se cumpría a normativa do ano 2012 e, desde a aprobación do Real Decreto 989/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de artigos pirotécnicos e cartuchería, a concienciación das empresas do sector aumentou . “Con los años se está perfeccionando” e fai que as irregularidades que poidan atopar nestas inspeccións sexan, case ao 100%, de documentación presentada incompleta ou fóra de prazo ou pequenos incumprimentos “sin importancia” que se emendan ao momento.
Hai anos si chegaron a detectar algunha anomalía grave e tiveron que chegar a suspender espectáculos porque “estaban totalmente anómalos”, o persoal non era o adecuado ou non solicitaran as autorizacións correspondentes, pero desde 2015 e 2016 xa non volveron a verse nesa situación.
Aínda que a explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico en 2018 en Paramos (Tui) ou accidentes como o ocorrido ao explotar un camión con músicos nas festas de San Cristóbal da Lama en 2014 xerasen gran alarma social e preocupación entre os organizadores e asistentes aos festexos, en realidade, no sector non foi necesario cambiar nada, senón que as medidas legais xa existen e só é necesario verificar que se cumpran. A norma de 2015, por exemplo, prohibe que unha banda faga pasarúas tirando lumes como ocorreu na Lama e o depósito de Paramos era ilegal.
A nivel da cidadanía o cabo primeiro si cre que serviu para que a xente “se diera cuenta de que el riesgo esta ahí”. Aumentou a concienciación cidadá e á Garda Civil empezaron a chegarlle avisos de fogos que se estaban realizando de forma irregular, coa correspondente actuación administrativa.
Por suposto que os riscos existen. En espectáculos como o de Portonovo, o principal é que o produto en lugar de estourar no aire estoure en terra. Evitalo “es lo que se intenta con estas inspecciones” e, a maiores, polo si ou polo non, establécense distancias de seguridade respecto ao público e edificacións, para que, no caso de que chegue a producirse un accidente “que sean daños materiales y no humanos”.
A pesar da concienciación do sector, nunca están libres de que existan ‘piratas’, como en todos os sectores, e por iso acoden a revisar todo exhaustivamente. “Haybastante intrusismo”, insiste o cabo primeiro, e contra eles loitan, pois “las pirotecnias que funcionan normalmente esas no tienen problema ninguno, son pirotecnias muy serias, llevan muchos años ya realizando estos espectáculos”.
Maior perigo que esas compañías legais son as festas pequenas das que non teñen coñecemento e na que se realizan tiradas de 5 ou 10 quilos sen control nin autorización. Tamén neses contextos cada vez detectan menos irregularidades porque “la gente, después de varios accidentes, se ha dado cuenta de que es un producto que, mal utilizado, causa muchos daños. Si lo utilizas como está mandado, y con las medidas de seguridad correspondientes, no pasa nada, es seguro. Ahora, mal utilizado hace mucho daño”.
Os riscos son “desde matarte a quemaduras muy graves, de primer grado, estamos hablando de quemaduras que son irreversibles”, alerta, pero ao momento puntualiza que desde que el traballa neste equipo en 2006 non houbo ningún accidente grave nunha tirada de lumes. Os accidentes adoitan pasar na manipulación das mostras, cando fan estes produtos nos talleres, pero nos espectáculos, debido ás medidas de seguridade e controis que se están facendo, reducíronse moito.
Relacionadas:
-
Recollen en Vilagarcía unha granada e un proxectil da Guerra Civil
Por Redacción |
-
O sarxento Varela xubílase despois de 43 anos na Garda Civil
Por Oskar Viéitez |
-
Os fogos de lucería iluminan o barrio de San Roque
Por Diego Torrado |
-
A Garda Civil inspecciona o material de pirotecnia para garantir a seguridade nos fogos de San Roque
Por Redacción |
-
Varios feridos ao estoupar un vehículo con bombas de palenque nunha procesión en Ponte Caldelas
Por Natalia Puga & Diego Torrado | Creada e actualizada