Pontón afirma que o BNG irá "a por todas" no caso dunha nova cita coas urnas no mes de novembro
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
No acto de homenaxe a Alexandre Bóveda organizado polo BNG no concello de Pontevedra, a portavoz nacionalista, Ana Pontón apelou ao legado do galeguista asasinado polo fascismo, hai 83 anos, e afirmou o grande compromiso do BNG na honra da súa memoria, ideais e "amor por Galiza". Esa, dixo Pontón, é a vitoria de Bóveda, "que hoxe continúe habendo miles de galegos e galegas que loitamos polos seus ideais de liberdade e de igualdade para construír unha Galiza soberana e con futuro".
Hai que mirar cara o futuro, dixo, pero "non desde a amnesia e a impunidade", hai que miralo desde a "xustiza, a verdade e a reparación a Bóveda e a todos os homes e mulleres que foron represaliadas, encarceradas, silenciadas, violadas, rapadas ou asasinadas por plantar cara ao xenocidio fascista en Galiza", manifestou.
A portavoz do BNG lembrou que 40 anos despois do fin do réxime, segue vixente o xuízo sumarísimo que condenou a Alexandre Bóveda a morrer fusilado e atado a unha árbore na Caeira.
Pontón criticou a "nula aportación" do goberno de Alberto Núñez Feijóo ás políticas de memoria histórica e lembrou que os políticos do PP "hoxe pactan gobernos coa extrema dereita antigalega, xenófoba e machista, que representa o contrario dos ideais de Bóveda".
A voceira nacional do Bloque abogou por sacar adiante unha Lei da Memoria Histórica de Galicia. Dixo que será unha das primeiras leis que poñerán en marcha en 2020, "cando os galegos e as galegas sexan convocadas ás urnas e aposten por pasar a páxina deste decenio negro de Feixóo e dun PP que camiña de ganchete da extrema dereita".
Finalmente Pontón explicou que hoxe "o Estado sigue vivindo unha profunda crise, e vemos de novo que papel lle dan as forzas estatais a Galiza: a irrelevancia política" e avanzou que o BNG irá "a por todas" no caso dunha nova cita coas urnas no mes de novembro.