O Concello critica que a Xunta negue axudas a Pontevedra por "razóns políticas"
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno acordou na súa reunión deste luns interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a resolución da Consellería de Economía que deixa ao Concello de Pontevedra fóra das subvencións para contratación de traballadores desempregados.
Trátase de dúas axudas por importe de 22.500 e 31.500 euros.
A concelleira Carme da Silva explicou que "por unha cuestión formal" a Xunta de Galicia deixou fóra ao Concello de Pontevedra porque a persoa que asinaba a tramitación das axudas non era o secretario titular senón unha persoa habilitada para ese efecto. Este aspecto emendouse "en tempo e forma" durante o trámite de emenda pero igualmente foi rexeitada "entendemos que é unha decisión de carácter político", dixo a edil.
Carme da Silva, que compareceu este luns como portavoz do goberno local, anunciou que despois de presentar sen éxito un requirimento administrativo para que a Consellería cambiase a súa decisión, aconsellados polos servizos xurídicos municipais decidiron acudir á Xustiza.
Deste xeito iníciase un procedemento xudicial ante un acordo da Xunta "que entendemos que é inxusto e discriminatorio para o Concello de Pontevedra pero fundamentalmente para as persoas que poderían contratarse con esa subvención", dixo Da Silva.