O goberno local demanda melloras para a industria da automoción
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra acordou este luns dar o seu apoio ás propostas da CIG para o sector da automoción, un asunto que será levado vía moción para o seu debate e aprobación polo Pleno do mes de setembro.
O sindicato CIG demanda a creación dunha tarifa eléctrica industrial á que se poidan acoller as empresas.
Tamén solicita ao Goberno do Estado que faga as modificacións oportunas e restableza o dereito á xubilación parcial aos 60 anos ou aos 61 anos para todos os traballadores, ben sexan das empresas principais ou auxiliares, manufactureiras ou non, así como a aplicación de coeficientes redutores para o sector; como medidas de rexuvenecemento nas factorías.
Ademáis demandan da Xunta de Galicia e da administración estatal unha formación profesional pública deseñada pensando nesta nova revolución industrial, a denominada industria 4.0, para dar unha saída profesional ás novas actividades e expectativas laborais que se van xerar nas empresas.
Outras medidas que tamén se demandan son a creación dunha mesa galega da automoción (MGA) integrada polas tres universidades galegas, o actual clúster empresarial (CEAGA) e as centrais sindicais; e impulsar un plan galego para a industria da automoción.