Este domingo remata a campaña de limpeza do río Gafos con máis de 600 quilos de lixo recollidos
Por Anxo Lourido
A asociación Vaipolorío leva 19 anos realizando campañas de limpeza no río Gafos. Este domingo 25 de agosto ás 10.00 horas vai iniciarse a última xornada de recollida desta edición. Gonzalo Sancho, presidente da asociación Vaipolorío que promove estas campañas, afirma que foron recolectando ao redor de 160 quilos de lixo no leito do río durante cada unha destas xornadas, agás na do domingo 18 onde se quedaron en 60 quilos.
Sancho recoñece que ao longo destes anos o río foi mellorando notablemente, pero sempre aparecen obxectos malia ter limpado tantas veces polos mesmos tramos. Algunhas delas, explica, porque levan décadas soterradas nun río que é arenoso. O lixo acaba saíndo á superficie coas enchentes. A estos obxectos hai que engadir plásticos recentes que, debido ao vento, rematan no curso do río e roupas que, segundo explica, cre que proceden dos asentamentos situados nas beiras do Gafos. Máis rara é a aparición de material voluminoso, como lles sucedía recentemente cunha roda de tractor, pero lonxe queda xa a presenza de electrodomésticos vertidos nesta contorna natural.
Desde Vaipolorío reclaman unha meirande implicación por parte das distintas administracións. Gonzalo Sancho lembra que a través das multas se poden evitar verteduras nos ríos. "Nós non podemos ser recolledores dos que emporcan", afirma o presidente do colectivo ecoloxista.
Indica que por parte das administracións hai lentitude e falta de sensibilidade sobre os ríos. Lembra que ao longo do Gafos hai especies como o reo, que é necesario valorar. "Non se pode deixar que esmorezan os ríos", indica Gonzalo Sancho lembrando a importancia de sensibilizar aos máis pequenos aos que intentan implicar nas súas campañas. "Alguén dixo que un neno que pranta unha árbore dificilmente vai destruila", asegura.
Precisamente, unha das cuestións que quererían mellorar no colectivo se atopa na participación de xente máis nova nas campañas e mesmo na directiva. Normalmente nas actividades de limpeza interveñen unha media de 15 persoas.
Unha boa ocasión para participar será este domingo, a partir das 10.00 horas na Estación de autobuses de Pontevedra. Nesta ocasión, ao remate vai haber un xantar entre os participantes, sempre que fagan unha reserva antes deste xoves 22 de agosto no teléfono 676.842.942.
Relacionadas:
-
Vaipolorío volve demandar que se destape o tramo urbano do Gafos en Campolongo
Por Redacción |
-
Comeza a limpeza dos dous espazos arqueolóxicos de Pontevedra
Por Almu Dapena |
-
As Corvaceiras lucirán limpas a partir do xoves
Por Almu Dapena |
-
Vaipolorío e Arela retiran 50 quilos de lixo do leito do Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Os mozos de Arela colaborarán con Vaipolorío nunha xornada de limpeza
Por Redacción |