Rematan as obras na parroquia de San Xulián e comezan no vial das praias
Por Redacción
O Concello de Marín acaba de terminar as obras no lugar de Macenlle, na parroquia de San Xulián, e agora comezan os traballos previstos no vial das praias.
Este martes a alcaldesa María Ramallo visitou a obra de pavimentación do camiño de Regueira en Macenlle que dá servizo ás vivendas do lugar. Trátase dunha obra que forma parte do proxecto de pavimentación de camiños do rural do ano 2018.
Basicamente, a actuación consistiu na limpeza de marxes e cunetas, a demolición de dados de recalces de formigón, o bacheado e o fresado do vial.
En canto ao vial das praias, está a instalarse unha nova varanda de protección no tramo de Mogor a Aguete e na Praia da Ribeira.
A actual varanda de madeira está en mal estado de conservación polo que será substituída por outra nova de madeira de piñeiro tratada, do mesmo xeito que se fixo hai un ano no tramo que vai desde a Praia de Portocelo a Mogor.
A lonxitude aproximada do ámbito de actuación é de 500 metros e prevese que as obras estean finalizadas a finais do mes de setembro.
Esta obra ascende a 37.500 euros e está financiada nun 65% pola Axencia de Turismo de Galicia.