Despois da Peregrina... o verán vén enriba
Por Redacción
Os tempos están cambiando e se ata agora a expresión tradicional era a coñecida de "despois da Peregrina, o inverno vén enriba", o verán de 2019 empéñase en levarlle a contraria ao dito popular. O servizo de Meteogalicia anuncia que ata finais deste mes de agosto os ceos manteranse despexados e as temperaturas situaranse ao redor dos 30 graos no sur de Galicia.
Desta forma, este mércores manterase a influencia das altas presións sobre Galicia. Espérase unha xornada de ceos pouco nubrados ou despexados. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso na zona das Rías Baixas situándose entre os 17 e os 29 graos. Os ventos soprarán do norte- nordés, frouxos, con intervalos moderados.
Xa o xoves 22, a provincia de Pontevedra continuará baixo a influencia das altas presións nunha situación de estabilidade atmosférica. Espérase unha xornada de ceos despexados, con entrada de nubes de tipo alto ao longo da tarde. As temperaturas máximas ascenderán lixeiramente, achegándose aos 30 graos. O vento soprará frouxo do nordés, con réxime de brisa sen as Rías Baixas.
O venres 23 debilítase lixeiramente a influencia anticiclónica con entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera. Meteogalicia anuncia unha xornada de ceos pouco nubrados con temperaturas que volverán situarse sobre os 29 graos.
Esta mesma situación repetirase durante a fin de semana e durante o inicio da última semana de agosto. Os ventos seguirán soprando de compoñente norte nordés e os ceos manteranse despexados.