En liberdade con cargos o mozo detido por unha agresión sexual a unha menor en Sanxenxo
Por Redacción
O xuíz titular do xulgado de Instrución e Primeira Instancia número catro de Cambados deixou en liberdade con cargos ao mozo detido por unha suposta agresión sexual a unha menor en Sanxenxo.
Este home, de 20 anos e residente en Pontevedra, foi detido pola Garda Civil pola presunta agresión sexual a unha menor, que tería lugar no recinto do Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo o pasado sábado.
O xulgado estableceu para este mozo a prohibición de aproximarse á menor e de poder comunicarse con ela, ademais de ter a obrigación de acudirse no Xulgado de Cambados cada quince días.
Segundo a versión dos feitos que publicou o xornalista Marcos Gago en páxinas de La Voz de Galicia, os dous mozos, el de 20 anos e ela duns 17, atopábanse no porto deportivo de Sanxenxo o pasado sábado cando accederon á zona de pantaláns e subíronse a unha embarcación de recreo que se atopaba baleira e para a que non tiñan autorización para subir abordo.
Foi neste contexto no que se produciu a suposta agresión sexual denunciada pola rapaza de 17 anos e que agora investiga o Xulgado de Cambados.