
© Xunta de Galicia
A Consellería do Mar chama á responsabilidade da cidadanía para que non adquira produtos furtivos

Por Redacción

© Xunta de Galicia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou este martes que a Xunta informou que no mes de xullo, xusto coincidindo co final da veda do polbo, retiráronse das costas galegas preto de 5.500 nasas que estaban caladas de xeito irregular.
Isto equivale a que o 95% dos útiles incautados nese mes foron nasas, principalmente de polbo, un produto que resulta atractivo para os furtivos pola súa gran calidade e os prezos que acada no mercado.
A titular de Mar acompañou aos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia nun operativo pola ría de Arousa e salientou que no mes de xullo o ente dependente da Consellería do Mar realizou preto de 1.000 inspeccións, un 13% máis que un ano antes, detectou un 7% máis de infraccións que no mesmo mes de 2018 e se incautou de 5.700 útiles, un 60% máis que o pasado exercicio.
Un traballo, remarcou, que dá continuidade ao xa feito no primeiro semestre do ano, no que as incautacións case se duplicaron, ao pasar de 5.500 útiles requisados entre xaneiro e xuño de 2018 aos 10.400 contabilizados este ano, e dos que a maioría, preto do 70%, tamén foron nasas.
Rosa Quintana fixo un chamamento á cidadanía para que merque só produtos procedentes das canles legais, os únicos que contan con todas as garantías para o seu consumo. "Cando se consume peixe e marisco ilegal estase freando Galicia e tamén ese mar que nos move", remarcou a titular de Mar en relación á importancia socioeconómica que as actividades pesqueira e marisqueira teñen na comunidade.
IMPORTANCIA DO POLBO
Un exemplo desa relevancia é o polbo, do que na última campaña completa se comercializaron nas lonxas galegas preto de 2.000 toneladas de recurso. Esas vendas deixaron uns ingresos próximos aos 17 millóns de euros, a cifra máis alta da última década.
Mentres, no primeiro mes da actual campaña poxáronse preto de 200 toneladas e os centros de primeira venda recadaron case 1,5 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Investigan por reincidencia "aos dous furtivos de sempre"
Por Redacción |
-
Denuncian os dous furtivos reincidentes de Poio con 31 quilos de ameixa escondidos no monte
Por Redacción |
-
Interceptan un autocaravanista alemán que se fixo pasar por mariscador e colleu 8 quilos de ameixa en Poio
Por Natalia Puga |