A Xunta duplica a rede de transporte público con especial atención ao rural
Por Redacción
O Plan de Transporte Público de Galicia arrancaba hai tres anos co obxectivo de reforzar e ampliar todos os servizos que permitan unha mellor mobilidade para a cidadanía, moi especialmente nas áreas rurais, que son as que tradicionalmente demandaban solucións neste eido.
Esta maior cobertura das redes de transporte facilitará, entre outras cousas, que o 97% da poboación galega conte cunha parada de autobús a menos dun quilómetro de distancia do seu domicilio.
A Xunta vén realizando estudos a través de enquisas aos propios usuarios e reunións cos diferentes concellos para coñecer as súas demandas particulares e poder responder a todas as necesidades. Esta información verase reflectida no mapa de liñas adaptado ao territorio e aos cidadáns.
COBERTURA TERRITORIAL
O aumento dos quilómetros de percorrido do transporte público así como a ampliación do mapa das diferentes liñas permiten ao goberno galego afirmar que este Plan de Transporte vai permitir duplicar a cobertura territorial a través de 3.100 liñas de autobús e 61 millóns de quilómetros de servizos de autobús cada ano.
Estos bos datos precisan dun forte investimento económico que se prolongará durante a vindeira década ata acadar preto de 730 millóns de euros.
ACCESO IGUALITARIO AO TRANPORTE
Un dos obxectivos deste Plan é subsanar as desigualdades entre diferentes territorios pero tamén no que se refire á situación económica dos usuarios.
Por unha banda, reforzaranse os servizos aos cidadáns e, por outra, estenderanse as vantaxes da Tarxeta Metropolitana e da Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos poderán viaxar de balde.
Para garantir este acceso igualitario ao transporte público, calcularanse os prezos en función da distancia máis curta entre orixe e destino, evitando que os usuarios asuman custos adicionais, como o percorrido total en autobús ou os trasbordos, de ser o caso.
TRANSPORTE COMPARTIDO E A DEMANDA
Dous anos despois da súa aplicación, a Xunta vén de comprobar a eficacia das novas modalidades de transporte compartido e a demanda.
Estes servizos, que seguen coa súa fase de implementación, están a ser unha resposta eficaz para aumentar a cobertura nas zonas onde antes non chegaba o transporte público, especialmente no rural. Subsidiariamente, tamén se conseguiu reducir a circulación de autobuses baleiros en determinadas zonas e horarios.
O transporte compartido permite que os veciños poidan aproveitar as rutas nas que circula o transporte escolar para usar aquelas prazas baleiras dos autobuses. Este servizo é compatible co funcionamento habitual do transporte aos centros escolares, xa que os menores seguirán a contar co apoio e coidado do acompañante de transporte escolar.
Os servizos baixo demanda xorden para adaptarse ás necesidades dos usuarios e dar resposta á dispersión da poboación galega do rural. Cunha sinxela chamada ao teléfono 988 687 800, o usuario pode facer a súa reserva antes das 20:00 horas do día laborable anterior a aquel no que vaia viaxar. Deste xeito, o operador indicaralle a parada máis cercana ao seu domicilio e os horarios, que tamén se poden consultar previamente na web da Xunta www.bus.gal, e daralle un número de reserva que debe levar consigo para informar o condutor.
APOIO AO EMPREGO
O Plan de Transporte Público de Galicia tamén está a permitir a consolidación e creación de emprego. Por unha banda, coa incorporación de novos profesionais para completar a implementación do plan. E, por outra, grazas ao compromiso do goberno autonómico de garantir a subrogación dos traballadores que xa están prestando os seus servizos. Este Plan de transporte permitirá dar continuidade a máis de 3.000 postos de traballo, entre condutores e acompañantes.
Outra medida para fomentar o emprego e contribuír ao tecido empresarial é a orientación do Plan cara á formalización de contratos con medianas e pequenas empresas galegas, xa sexa en solitario ou ben agrupadas a través de UTEs.