O Bloque acusa ao PP de querer volver ao "nacionalcatolicismo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A concelleira de Festas e portavoz do BNG no Concello de Pontevedra, Carme Da Silva, acusou ao Partido Popular de "querer volver ao nacionalcatolicismo". Unha práctica da igrexa católica española durante o franquismo, caracterizada pola súa estreita relación co Estado e polo seu control da educación, a cultura e outras parcelas da vida social.
A concelleira do Bloque reaccionou deste xeito á reclamación da deputada provincial do PP, Pepa Pardo, na que pedía á Deputación de Pontevedra que manteña a ofrenda institucional á Virxe Peregrina, que se celebra cada ano durante as festas de Pontevedra.
"O Partido Popular de Pontevedra estase caracterizando con máis intensidade ultimamente en querer dar moitos pasos atrás e retroceder moitos anos en Pontevedra" asegurou Carme dá Silva, quen continou cun "e a onde nos quere levar o PP? pois de volta ao nacionalcatolicismo".
A portavoz do Partido Popular sinalou que os veciños "xa teñen que aguantar desde hai 20 anos" que o alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, non asista aos actos litúrxicos das festas "ou que non se promocione turisticamente a Semana Santa".
Da Silva afirmou que "se as propostas son do calibre de que os cargos institucionais teñen que asistir a actos relixiosos, iso é preconstitucional", para engadir que "parece mentira que unha forza política, que di que venera a Constitución, nos faga propostas que son previas á Constitución".
Neste sentido lembroulle ao PP que "a Constitución di que ten que haber separación entre o Estado e a Igrexa, e que o Estado español é un Estado aconfesional, polo tanto os cargos públicos, os representantes do Goberno, os cargos institucionais no Estado español, non deben asistir en calidade de tales a actos relixiosos, porque inclumple claramente os obxectivos que como Estado nos temos marcado, que é separar Igrexa e Estado".
A concelleira tamén aclarou que "as declaracións da representante do Partido Popular non me sorprenden, porque ideoloxicamente están claramente onde está situado o Partido Popular" e engadiu ademais que "a persoa que fixo esas declaracións públicas dixo ultimamente que hai que volver poñer as barras nas peñas, que o alcalde ten que ir aos actos relixiosos, non vos sorprenda se en breve reclama que se volva a poñer a raíña das festas, porque vai na mesma liña nacionalcatolicista preconstitucional".
Relacionadas:
-
A ofrenda á Peregrina e a tradición de "ter os mortos agochados nas cunetas"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP busca que o Pleno da Deputación apoie a ofrenda á Virxe Peregrina que critica o BNG
Por Redacción |
-
Manter a ofrenda institucional á Virxe Peregrina, petición do PP ao goberno da Deputación
Por Redacción |
-
A concelleira de Festas, sorprendida pola ofrenda da Deputación á Virxe Peregrina: "Nós cremos no laicismo"
Por Redacción |