A "millennial" Festa do Mar abre as súas portas disposta a bater récords
Por Anxo Lourido
Combarro xa está de festa durante cinco días con múltiples actividades lúdicas, culturais e gastronómicas. O concelleiro de Turismo, Xosé Luís Martínez, encargábase este mércores 21 de lembrar como no ano 2001 comezou esta Festa do Mar aproveitando a celebración do encontro de embarcacións tradicionais en Combarro. Martínez sinalaba que desde aquela esta festa "millennial" foi medrando grazas á colaboración de asociacións do municipio e potenciándose coa organización, desde hai once anos, do Armadiña Rock.
O representante municipal sinalaba que o Camiño Espiritual a Santiago converteuse tamén en todo un éxito coa presenza de peregrinos que incrementan a actividade turística no marco "incomparable" de Combarro.
A continuación, o alcalde Luciano Sobral fixo referencia a que a el si lle gustaría ter vinte anos, xusto os que en 2020 sumará a Festa do Mar, un evento que busca promocionar os produtos relacionados cos sectores económicos da pesca de baixura e do marisqueo, ademais de fomentar o turismo no municipio. O rexedor sinalou que outro dos atractivos para os visitantes a Combarro céntranse agora nas visitas á Illa de Tambo, unha actividade que se recolle dentro da programación da Festa do Mar.
A continuación, Sobral acompañado por Xosé Luís Martínez e pola portavoz socialista Chelo Besada, cortaba o lazo da carpa situada na Praza da Canteira onde se atopan os postos de venda de produtos gastronómicos a prezos populares. Numeroso público aproveitou a inauguración para degustar pratos de mexillóns, lagostinos, gambas ou zamburiñas mentres no palco actuaba a agrupación de gaitas da Escola de Música tradicional de Poio. Os prezos sitúanse desde os 11 euros do prato de polbo á feira ata os peixiños fritidos a 7 euros ou os mexillóns ao vapor a 4,50 euros.
Ao acto asistían, ademais dos representantes do goberno local, as deputadas provinciais Victoria Alonso e Olga García. Tamén o portavoz municipal do Partido Popular, Ángel Moldes, acudía ata a carpa e estivo observando as maquetas de distintas embarcacións tradicionais que se poden ver na exposición.
Ata o domingo 25, agárdase a presenza de milleiros de persoas na zona portuaria de Combarro para probar os distintos produtos gastronómicos e para asistir as diferentes actividades. Este mércores vai desenvolverse a partir das 21.00 horas a sétima mostra da canción mariñeira e ás 22.00 horas na praza da Rualeira van proxectars as curtas gañadoras do IV Festival de Curtas Armadiña .
Ao longo dos vindeiros días en Combarro actuarán artistas como David de María, Eleni Foureira, Henry Méndez ou agrupacións como Heredeiros da Crus, Triángulo de Amor Bizarro ou Familia Caamagno.
Toda a programación da Festa do Mar pode consultarse nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio valora moi positivamente a última edición da Festa do Mar
Por Redacción |
-
Xosé Constenla, pregoeiro e músico en acústico no Armadiña
Por Almu Dapena |
-
Organizan visitas á illa de Tambo con motivo da Festa do Mar
Por Oskar Viéitez |
-
Combarro prepara un "sinfín de actividades" para a Festa do Mar
Por Almu Dapena |
-
O Armadiña Rock suma a Triángulo de Amor Bizarro, High Paw & Elephants Yard e Balkan Bomba
Por Redacción |
-
Poio presenta o programa das festas do Mar e da Ameixa
Por Oskar Viéitez |