En Marín reutilízase, recíclase e regálase co Mercadillo 3R
Por Almu Dapena
Un ano máis, a Alameda de Marín acollerá a súa tradicional Feira 3R, baixo o lema "reutilizar, reciclar e regalar".
O evento xa vai pola XIV edición e celebrarase durante toda a xornada do domingo 8 de setembro. A feira consiste nun mercadillo solidario no que se poñerán á venda produtos como roupa, bixutería, calzado, xoguetes, pequenos electrodomésticos, libros, películas, vinilos ou música a prezos populares.
Segundo explicou o Concello de Marín mediante unha nota de prensa, de momento hai un total de 30 solicitudes de postos de vendas, pero o prazo segue aberto para todos aqueles particulares que queiran apuntarse. No caso de que o tempo non acompañe para a súa celebración, o mercadillo desprazaríase ao Multiusos e a participación limitaríase a 30 casetas por motivos de aforo.
Entre os postos poderase atopar o da Asociación de Mulleres O Abeiro onde se poderán doar alimentos, roupa ou tapóns que se destinarán a fins benéficos.