O accidente dun camión cargado cun aeroxerador provoca cortes de tráfico e luz en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Garda Civil de Tráfico tivo que cortar a circulación de vehículos na estrada N-541 ao seu paso polo termo municipal de Cerdedo-Cotobade por mor dun aparatoso accidente dun camión articulado que transportaba un aeroxerador de gran tamaño. O sinistro tamén provocou cortes de luz na zona.
Segundo informou a Garda Civil de Tráfico, o accidente rexistrouse sobre as 16.30 horas deste mércores. Consistiu nunha saída de vía dun camión articulado que realizaba un transporte especial cun aeroxerador para un parque eólico á altura do punto quilométrico 60 da N-541, nun punto que pertencía ao antigo municipio de Cerdedo.
A causa do accidente, produciuse un corte de tráfico en ambos os sentidos na N-541 e a Garda Civil tivo que habilitar desvíos alternativos durante horas.
Os condutores que circulaban en sentido a Pontevedra foron desviados á altura do quilómetro 59’900, pola PO-534 (Folgoso-Lalín) e aqueles que circulaban en sentido Ourense foron desviados á altura do quilómetro 64 pola EP-7101 (Cerdedo- Sabucedo).
O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra informou de que ás 20.30 horas, catro horas despois, quedou aberto ao trafico o carril sentido Ourense na estrada N-541 e ás 21.40 horas quedou restablecido o tráfico nos dous sentidos de circulación.
O accidente non deixou feridos, pero si outros danos materiais. Así, segundo informou a Garda Civil, o aeroxerador chocou cunha torreta de alta tensión e ocasionou un corte de luz severo na zona.
Segundo informou o 112 Galicia, a torre de alta tensión coa que bateu o vehículo acabou no chan.
Desde o Centro Integrado de Atención de Emerxencias 112 Galicia requiriron a intervención da Garda Civil de Tráfico, do servizo de mantemento da estrada, de Protección Civil da localidade e da empresa subministradora de electricidade. Ademais, achegouse ata o lugar do sinistro o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Calcúlase que os afectados non recuperarán o servizo de electricidade ata dentro de varias horas.