María del Carmen Vilavedra "Nenucha", premiada coa Cebola de Ouro
Por Redacción
O seu nome é María del Carmen Vilavedra González pero todos falan dela como "Nenucha". Esta muller será a veciña de Sanxenxo que recibirá o galardón da Cebola de Ouro, que todos os anos se entrega con motivo da celebración da Festa da Cebola, coincidindo coa conmemoración de Santa Rosalía.
Nenucha é a maior de once irmáns pertencentes a unha familia moi coñecida na vila, a familia dos "Benjamines", nome que se deriva de que o seu pai se chamaba Benjamín.
A propia Nenucha conta que a familia tiña un cántico propio:
"Somos los de benjamín,
pequeniños como ratos
y el que se meta con nós
leva piñas e sopapos"
Esta muller axudou á súa nai para criar aos seus irmáns nunha contorna familiar humilde. Casou cun mariñeiro co que tivo cinco "fermosos fillos" e montou un negocio de peixe conxelado no mercado de abastos de Sanxenxo.
Aos 58 anos quedou viúva e montou o club de xubilados de Sanxenxo cun grupo de amizades na rúa Progreso. Alí tamén formou parte do coro de xubilados durante varios anos, ademais de participar na elaboración de alfombras do corpus e da celebración do entroido.
Nenucha é ademais ua persoa moi activa que forma parte da escola de memoria e de actividades físicas na piscina e no ximnasio. Á espera de cumprir 90 anos só desexa pasar en compañía da súa familia as festas de San Xinés e Santa Rosalía.