Investigan a unha muller por enganar a turistas co "timo do mudo"
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio informou que o pasado domingo, na quenda de tarde, foi identificada e investigada unha persoa de nacionalidade romanesa por un presunto delito de estafa continuada a turistas, cometido no centro histórico de Combarro.
Segundo explicaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, esta persoa pedía diñeiro para unha suposta ONG en beneficio de persoas "xordas - mudas".
Os axentes municipais xa foran alertados en varias ocasións polos mesmos feitos sen poder dar con ela, "e hai 15 días unha persoa xorda descubriu a muller facendo sinais que non eran da linguaxe de signos polo que axudou a descubrir que todo era un engano".
A muller logrou escapar ese mesmo día antes de que chegase a Policía ao verse descuberta.
O modus operandi da estafadora era pedir datos e firmas para esta falsa causa benéfica e despois de conseguir o primeiro contacto e a recollida da firma, piden un donativo para unha asociación que non existe. Nalgunhas veces poden ter un colega roldando e que aproveita que a vítima se atopa distraída para roubar.
No argot policial coñéceselle como 'o timo do mudo' xa que os delincuentes fanse pasar por mudos para tentar ocultar o seu acento e orixe.
Normalmente, o papel no que se solicitan as firmas está moi deteriorado e con logos como o da cadeira de rodas e sen unha estética coidada. Ademais o nome da asociación á que supostamente pertencen é vago, neste caso era "Certificado de asociación para os discapacitados xordos mudos e para os nenos pobres".
No caso de Combarro, finalmente a muller foi localizada, interveuse o diñeiro procedente do engano e puxéronse estes feitos en coñecemento do xulgado de garda.
"Estas persoas aproveitan a sensibilidade da xente para lucrarse, se desconfían non dubiden en chamarnos", sinala a Policía Local.