O BNG instará á Xunta para que licite en breve a mellora viaria da PO-308 ao seu paso por Poio
Por Anxo Lourido
Con motivo da celebración da Festa do Mar, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitaba este xoves o concello de Poio acompañada por representantes nacionalistas do goberno local liderados pola tenente de alcalde, Marga Caldas.
Durante o encontro, Ana Pontón mostrou a súa preocupación pola falta de medidas de seguridade na PO-308, a estrada autonómíca que conecta Pontevedra con Sanxenxo, ao seu paso por Poio. Por este motivo, anunciou que o BNG instará no Parlamento de Galicia á Xunta para que licite canto antes o proxecto de reforma de mellora desta estrada para garantir a seguridade do tráfico rodado como dos peóns. "Non entendo que se actúe noutros concellos e non no de Poio", indicou a representante nacionalista. Ademais insistiu na necesidade de que se estude unha alternativa de futuro a esta estrada, como pide o goberno local, para reducir a circulación masiva que se produce neste vial durante todo o ano e especialmente durante os meses de verán.
Pontón visitaba tamén o pantalán de embarcacións tradicionais do Club Mariño A Reiboa e mantivo un encontro o colectivo Armadiña, encargado da organización do Armadiña Rock, ademais de con representantes do sector de produción de mexillón. Neste sentido, a representante política reclamou solucións para Ence e para a depuración da ría que garantan o bo estado das augas desta contorna, ao que cualificou como un dos motores económicos de Galicia.
Pola súa banda, Marga Caldas reclamou que a Praza da Chousa en Combarro pase a titularidade municipal para evitar que o Concello pague taxas a Portos de Galicia pola súa utilización en actos como os que acolle durante esta semana.
DÉBEDA DO ESTADO
Ana Pontón aproveitou para lembrarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "tome nota" doutras comunidades como Cataluña e presente un recurso xudicial para reclamar ao Goberno do Estado os 700 millóns de euros que debe a Galicia. Indicoulle que tamén debe solicitar os outros 200 millóns de euros en materia de dependencia e os máis de 2.000 millóns de euros que se orzaron para a mellora do ferrocarril na comunidade galega que nunca se chegaron a investir.
Pontón cre que a "parálise política" en que se atopa o Estado non debe ter consecuencias no financiamento das comunidades e, por este motivo, avogou por un cambio do modelo centralista de financiamento das autonomías. Reclama un sistema de concertos co Estado, na liña de Euskadi ou Navarra.
Relacionadas:
-
Proxectan organizar unha nova protesta en Chancelas tras outro accidente na PO-308
Por Redacción |
-
Moldes lembra a Pontón que a Xunta está a investir máis de 6,5 millóns de euros en melloras da PO-308
Por Redacción |
-
Denuncian un 'Venres Negro' da TVG en Poio polo uso "partidista" da canle pública para danar a imaxe do turismo
Por Redacción |
-
Veciños de Chancelas piden pasos de peóns na PO-308
Por Anxo Lourido |
-
A asociación veciñal 'Combarro', molesta polo silencio do Concello no proxecto de reforma da PO-308
Por Redacción |
-
En novembro rematarán as obras de seguridade viaria na PO-308 ao seu paso por Raxó
Por Redacción |