Centos de pontevedreses saborean o gastroespazo do mercado: "Xa é un éxito, está abarrotado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha dorna, unha gamela e unha chalana suspendidas do teito. Música soul, rock e ska no ambiente. Centos de persoas enchendo un espazo que ata agora adoitaba estar baleiro a última hora da tarde. E unha oferta gastronómica variada que combina a produción local, ecolóxica e gourmet con propostas máis exóticas. A escena viviuse na tarde-noite deste xoves no mercado de abastos de Pontevedra e serviu para dar a benvida ao novo gastroespazo pontevedrés.
'O Mercado', o novo espazo gastronómico do mercado municipal de Pontevedra, abriu as súas portas este xoves por todo o alto cun acto de inauguración que contou coa asistencia de centos de persoas que abarrotaron todo o espazo. Ademais, outros centos máis quedaron ás portas, facendo unha cola de varios metros para poder entrar e coñecer a nova oferta gastronómica.
O evento, que tivo ao chef pontevedrés Pepe Solla como mestre de cerimonias, foi un dos actos máis multitudinarios do verán pontevedrés, o de maior asistencia fóra da semana grande das Festsa da Peregrina e todo un éxito para o Concello de Pontevedra. "Xa é un éxito, está abarrotado", comentou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, que deu por inaugurao o espazo xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a antiga concelleira da área, Anabel Gulías.
Yoya Blanco destacou que a resposta da cidadanía ao acudir en masa este xoves á xornada inaugural "despexou todas as dúbidas" acerca de se existe ou non demanda para esta clase de oferta en Pontevedra e manifestou que resulta moi gratificante ver que os 12 novos postos que se abriron -os dous bares xa estaban na etapa anterior- "xa despertan paixóns" dende a súa estrea. Outros 12 quedan pendentes de adxudicar.
A inauguración congregou no mercado a representantes da vida política, social e económica pontevedresa, entre eles, concelleiros de todos os partidos con representación na Corporación municipal. Ante todos eles, Lores destacou que esta inauguración supón o colofón a 20 anos de traballo municipal, que comezou coa rehabilitación de todo o edificio do mercado e a construción dun estacionamento soterrado e remata con esta última posta a punto financiada con cargo a fondos europeos dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra.
O primeiro andar do mercado cobrou vida cos 14 novos postos que o compoñen e, para a súa inauguración, tamén a través de obradoiros infantís de Ganapán Gourmet, sesións DJ a cargo de Santi Mille, Marcos Sonseca e Arturo Delgado e unha actuación musical en directo do grupo de soul Bea Mazaira & Iago Marta.
A mexillonería A Batea do Mercado, a vermutería-coctelería Filamento, Piada Romagnola, o local de cociña tradicional e caseira A Fervella, a hamburguesería e polería Na Pola, a Merluzateca, a Polbería, a cervexería Nasa, o negocio de afumados e conservas Sete de Abastos, o negocio de pokes Umami Poke, a Viñoteca do Mercado, Hortasán -Tenda e Cociña- e os bares Olmos Gastrobar e Bar Praza son os 14 locais que se puxeron de longo este xoves e que a partir de agora buscarán dinamizar este espazo de martes a domingo durante todo o ano.
Este novo Espazo Gastronómico Sostible inspírase esteticamente no mundo mariñeiro, con tres embarcacións que penden do teito tras ser restauradas pola Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo, e inclúe propostas gastronómicas que recollen o sabor dos mellores produtos galegos que se venden na praza, a meirande parte deles procedentes do mar.
Tal e como destacou Yoya Blanco, 'O Mercado' marida á perfección a tradición e calidade dos produtos das Rías Baixas, vendidos polas praceiras nas bancadas e postos da planta baixa do edificio, coa necesidade dunha oferta gastronómica máis diversa e innovadora.
A concelleira agradeceu o traballo dos técnicos municipais que o fixeron posible e a iniciativa, o espírito de emprendemento, a creatividade, a inxente capacidade de traballo e o amor pola gastronomía dos hostaleiros que decidiron facerse cun posto neste novo espazo, pois, considera que son os "verdadeiros artífices" dun proxecto que agarda que pronto será un referente a nivel galego.
"Saboreade estes deliciosos manxares e convidade aos vosos amigos a vir a 'O Mercado'", pediu a concelleira aos asistentes, unha cuestión na que tamén fixo fincapé Pepe Solla. O chef destacou a importancia do mercado como elemento dinamizador do centro histórico e animou ao público a visitar a nova proposta.
Relacionadas:
-
A arte únese á gastronomía para seguir enchendo de vida o Mercado
Por Redacción |
-
2019, un ano revolucionario nas infraestruturas da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello impulsará unha lanzadeira para o sector hostaleiro
Por Redacción |
-
O 'gastromercado' marca tendencia: "Superamos as expectativas", din os hostaleiros
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A representante das praceiras traslada as demandas do colectivo á concelleira Yoya Blanco
Por Redacción |
-
Uns 200 rapaces participaron nos obradoiros do Ganapán na inauguración do Mercado
Por Redacción |
-
O chef Pepe Solla conducirá o acto de inauguración do novo espazo gastronómico do Mercado
Por Oskar Viéitez |
-
O "gastroespazo" do Mercado inaugurarase o vindeiro xoves 22
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |