Poio aprobará un Plan de Mobilidade Sostible, base organizativa do tráfico, transporte público e aparcadoiros a 10 anos vista
Por Anxo Lourido
O vindeiro 3 de setembro xuntarase por primeira vez a Mesa de Mobilidade, coa participación de representantes de distintas concellerías. Este encontro servirá para comezar a coordinar os proxectos que se contemplan no Plan de Mobilidade Sostible de Poio que este xoves presentaban os concelleiros do goberno local Gregorio Agís (PSOE), Xulio Barreiro (BNG) e Silvia Díaz (Avante Poio) e que se levará ao vindeiro pleno municipal para a súa aprobación.
Segundo explicaban os representantes municipais trátase dun documento que marcará a folla de ruta para realizar intervencións en materia de circulación de tráfico e de mobilidade no Concello de Poio durante os vindeiros dez anos. O obxectivo desta proposta é identificar os problemas que se detectan nestas áreas para buscar solucións. Neste sentido, o Plan xa se expuso á participación cidadá, que trasladou as súas demandas e apreciacións.
Temas como a inseguridade viaria na estrada PO-308 cun tratamento axeitado para a confluencia de vehículos e peóns en puntos onde se xenera unha alta densidade de tráfico como Combarro; un deseño do sistema público de transportes que facilite o uso do autobús por parte da cidadanía para minimizar os problemas de contaminación ambiental; mellorar a circulación ciclista e peonil no municipio ou crear estacionamentos alternativos son algúns dos apartados que se analizarán partindo das bases que establece este Plan onde se busca asentar unha "estratexia planificada" para mellorar a seguridade viaria coa implicación das diferentes concellerías e servizos municipais, indicaban Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo.
Segundo explicaba Xulio Barreiro, o documento recolle 89 propostas concretas para as que serían necesarios máis de 13 millóns de euros durante a vindeira década. Este diñeiro a investir procedería da Unión Europea, a través dos Fondos Feder con propostas para reducir a pegada de carbono cun descenso nas emisións de CO2; do propio Concello e doutras administracións como a Xunta de Galicia, Estado e Deputación.
Pola súa parte, Silvia Díaz incidía na importancia da implicación veciñal na elaboración do Plan, que marcará as liñas para organizar o territorio municipal.
Os concelleiros indicaron que para acometer os proxectos buscarán a confluencia con outras administracións e, neste sentido, seguirán a demandar unha xuntanza con responsables da consellería de Infraestruturas para tratar a creación da estrada do Vao, a reducción do tráfico na ponte da Barca, a creación dunha rotonda en Combarro ou a construción dunha vía alternativa á PO-308. Polo momento, afirman, seguen sen recibir resposta por parte da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Poio promoverá que os nenos vaian á escola a pé ou en bicicleta
Por Oskar Viéitez |
-
Poio insiste en solicitar á Xunta que execute o proxecto do vial do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Poio destaca a "estabilidade" e o "proxecto común" do tripartito 100 días despois da investidura
Por Diego Espiño |
-
A asociación veciñal 'Combarro', molesta polo silencio do Concello no proxecto de reforma da PO-308
Por Redacción |
-
Poio xa advertira á Xunta das "deficiencias" na seguridade da PO-308 na zona da Barca
Por Oskar Viéitez |
-
Poio presenta doce alegacións ao proxecto autonómico para mellorar a seguridade viaria da PO-308
Por Diego Espiño |