A conselleira de Medio Ambiente comparecerá a petición propia no Parlamento para falar dos accesos á Illa de Ons
Por Redacción
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitará intervir en setembro no Parlamento de Galicia ante as informacións "confusas e interesadas" que asegura que se están a facer este verán en relación cos accesos á Illa de Ons.
A responsable autonómica comparecerá a petición propia co fin de aclarar cal é a situación actual dos accesos á illa de Ons por parte dos veciños e resolver calquera posible dúbida que exista ao respecto.
A decisión da responsable autonómica prodúcese despois da reunión que este mércores tivo a veciñanza de Ons co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e de varios días de polémica nos que a Xunta de Galicia foi duramente criticada tamén polo alcalde de Bueu, Félix Juncal.
Na súa opinión, as manifestacións dos dous alcaldes "contribúen a xerar confusión e unha alarma innecesaria" entre a veciñanza da zona e lamenta "profundamente" a súa actitude.
Desde o departamento autonómico esíxeselle a ambos rexedores responsabilidade institucional e respecto cara aos veciños de Ons, que asegura que "están sendo utilizados cunha intencionalidade política evidente".
A conselleira considera que as declaracións de Abel Caballero sobre a candidatura do Parque Nacional a Patrimonio da Humanidade demostran que recibiu aos veciños de Ons para xogar coa suposta defensa dos seus dereitos e alimentar a súa campaña para que só Vigo e as Illas Cíes se beneficien dunha posible declaración por parte da Unesco.
En relación con este aspecto, aclara que a limitación de acceso ás Illas Atlánticas non ten nada que ver coa candidatura; nin sequera é un dos requisitos a valorar por parte da Unesco. Este cupo máximo de entrada para poder visitar os arquipélagos que conforman o Parque Nacional vén motivado polo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), un decreto que busca protexer os valores naturais e a biodiversidade deste espazo, facéndoos compatibles con determinados usos públicos e turísticos sostibles.
A conselleira tamén se referiu á afluencia de visitantes prevista en Ons para este domingo, día grande da festividade local de San Xaquín, e asegurou, tal e como xa fixera este mércores, que todos os veciños de Bueu que acrediten unha vinculación coa illa poderán entrar e saír libremente da mesma, tal e como lle trasladou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ao alcalde de Bueu, Félix Juncal.
O obxectivo da Xunta, neste sentido, é facilitar o dereito dos veciños a participar e desfrutar das festas patronais, aínda que sempre compatibilizándoo co obxectivo de conservación e protección no que se basea a limitación de acceso fixada no PRUX.
Por esta razón, a Consellería de Medio Ambiente solicitou a colaboración do Concello partindo de que, en todo caso, resulta evidente que debe aplicarse algún sistema de verificación para acreditar que o dereito de libre acceso a Ons recae, efectivamente, sobre aquelas persoas que teñen unha vinculación coa mesma.
Relacionadas:
-
A ausencia de limitación de aforo no transporte marítimo xera queixas entre viaxeiros a Ons
Por Marisa Ciordia |
-
A Xunta ofrece rebaixar o cupo de visitantes para garantir o acceso aos veciños de Ons
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Bueu, cos veciños de Ons na súa loita contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
A Valedora do Pobo admite a trámite unha queixa de Bueu sobre o libre acceso á Illa de Ons
Por Redacción |
-
Os veciños de Ons e Abel Caballero, fronte común contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Ana Pontón acusa a Xunta de discriminar a veciñanza de Ons no acceso á Illa
Por Redacción |