O Concello de Cuntis ofrece 65.000 euros en subvencións a colectivos do municipio
Por Redacción
O Concello de Cuntis pon ao dispor dos clubs, asociacións e colectivos municipais unha serie de axudas económicas, tanto nominativas como en réxime de concorrencia competitiva, por un valor total de 65.000 euros.
O obxectivo destas subvencións consiste en facilitar a realización de actividades de carácter cultural, deportivo, de protección do patrimonio histórico ou festivas.
No referente ás axudas nominativas, no 2018 o Concello concedeu 53.240 euros a agrupacións locais, unha cantidade que demostra a aposta do goberno local polo fomento da actividade asociativa no municipio.
Para o ano 2019 a cantidade para repartir entre estes colectivos ascende a 59.100 euros que, xunto co importe dedicado ás subvencións de concorrencia competitiva, cifrado en 6.000 euros, os fondos para entregar ao tecido asociativo cuntiense supera os 65.000 euros.
Doutra banda, as axudas recibidas da Deputación de Pontevedra para financiar tanto actividades culturais como deportivas no Concello superaron os 37.000 euros no exercicio do 2018.