Condenado por estafar 450 euros a un home que lle comprou por Internet pezas de coche
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de condenar a un home por estafar 450 euros a un cliente que no ano 2017 contactouno a través de Internet para comprarlle pezas para unha furgoneta. Pagoulle, pero nunca recibiu os artigos.
A sentenza condenatoria imponlle seis meses de prisión como autor dun delito de estafa e obrígao a indemnizar á súa vítima cos 450 euros que lle estafou.
A resolución xudicial considera probado que o home actuou "con ánimo de obter un enriquecemento inxusto á conta do alleo" ao poñer un anuncio na páxina web www.milanuncios.com no que ofertaba pezas para unha furgoneta Mercedes Sprinter.
Un usuario desta páxina web púxose en contacto con el e acordaron a compra de tres pezas por unha cantidade de 450 euros. Ingresoulle todo o diñeiro en dous pagos de 300 e 150 euros na conta bancaria que lle indicou o acusado (da que era cotitular).
Os pagos realizáronse en xullo e setembro de 2017, pero o cliente nunca recibiu as pezas e reclama a indemnización que puidese corresponderlle.
O home xa fora condenado previamente polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, pero el recorreuna. En todo caso, a Audiencia desestimou o recurso e acaba de confirmar a sentenza previa. Agora aínda cabe posibilidade de recurso de casación #ante o Tribunal Supremo.