Último adeus ao Liceo Casino de Marín coa entrega da sede ao Concello
Por Redacción
O Concello de Marín fixo efectiva a compra da sede que ocupaba a extinta sociedade do Liceo Casino. Durante un acto celebrado este venres 23, a alcaldesa María Ramallo entregaba as achegas económicas a cada unha das asociacións sociais e ONG' s de Marín por valor dos 40.000 euros, cantidade coa que o Concello adquiriu as instalacións, unha valoración económica de carácter simbólico dos inmobles e que, tal e como figuraba nos estatutos da sociedade, debía repartirse entre colectivos sen ánimo de lucro do municipio.
María Ramallo explicou durante o acto que o inmoble de máis de mil metros cadrados situado en Camiño de San Xurxo, en dirección á Finca de Briz, permitirá que o arquivo municipal repartido agora en tres locais poida estar centrado neste edificio, no que o goberno local tamén ten previsto instalar unha aula de estudo, ademais de espazos para actividades de asociacións e para uso cultural.
Ao acto acudiron a última presidenta do Liceo Casino de Marín, Consolo Álvarez; o actual tesoureiro e que foi presidente en dúas etapas Augusto Casal, ademais do xornalista Julio Santos Pena que relatou a historia desta institución cuxos orixes se sitúan ao redor do ano 1897, cando xurdiu a partir de dúas sociedades veciñais.
O Liceo Casino caracterizouse no século XX por ser o promotor da organización de numerosos eventos sociais e culturais con propostas tan exitosas como a práctica de bailes as fins de semana, a participación en festas como a do Carmen, os Entroidos ou o Nadal, ademais de manter unha estreita relación coa Escola Naval.
A alcaldesa agradeceu o labor desenvolto polos dirixentes desta sociedade e lembrou que este espazo, onde este venres se celebraba o acto de entrega das instalacións, se converteu no centro cultural, social, deportivo e familiar máis importante do municipio durante anos. Nos últimos tempos, a crise deste tipo de sociedades quedou patente e o Liceo Casino de Marín pasou de máis de mil socios a apenas medio centenar, o que levou á súa disolución
Relacionadas:
-
O BNG aplaude a proposta do Concello de Marín de facer un centro de lecer para a mocidade
Por Oskar Viéitez |
-
Queren crear un espazo de novas tecnoloxías para adolescentes no local do antigo Liceo Casino
Por Redacción |
-
Marín actualiza o seu arquivo municipal coa dixitalización da súa información
Por Redacción |
-
O centenario Liceo Casino de Marín di adeus coa entrega da súa sede ao Concello
Por Oskar Viéitez |
-
Marín ultima a compra do Liceo Casino para reconvertelo en arquivo municipal
Por Redacción |