Denuncian un veciño de Vilagarcía sorprendido con 820 paquetes de tabaco de contrabando
Por Redacción
A Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil denunciou a un veciño de Vilagarcía de Arousa por unha suposta infracción á Lei de Contrabando tras intervirlle 820 paquetes de tabaco en Aguiño, na localidade coruñesa de Ribeira.
Efectivos da Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Ribeira localizaron nunha das rúas desa localidade un vehículo que, ao decatarse da presenza policial, tentou cambiar de sentido.
Os gardas civís interceptaron o vehículo e identificaron o condutor para pescudar os motivos do seu comportamento. Ao achegarse, observaron que o condutor era un veciño de Vilagarcía xa coñecido das Forzas de Seguridade por estar implicado en casos de venda de tabaco de contrabando.
Os axentes rexistraron o turismo#ante a sospeita de que coa súa actitude tentase ocultar algo e localizaron 820 paquetes de tabaco sen o precinto fiscal regulamentario.
A Garda Civil denunciou ao condutor por unha suposta infracción á Lei de Contrabando e incautou a mercadoría, que foi posta ao dispor da Dependencia de Aduanas da Coruña.