Telmo Martín: "A imaxe de Sanxenxo está por encima de calquera festival"
Por Oskar Viéitez
O fracaso no que se converteu o Maestral Music Festival non afecta á reputación de Sanxenxo. Así o cre o seu alcalde, Telmo Martín que este venres lamentou o "fracaso empresarial" do Maestral pero redúceo a iso, negando que repercuta no nome da vila máis turística de Galicia ou que alcance ao seu goberno local.
Preguntado polos xornalistas pola repercusión da polémica cancelación de quince concertos e a gran débeda que se xerou entre varias empresas de provedores, o rexedor popular asegurou que "a imaxe de Sanxenxo está por encima de calquera festival" e cre que "esaxeran" quen lle sinala pedindo responsabilidades.
Telmo Martín limitouse a "lamentar que un proxecto empresarial non terminase ben" e agradeceu que a plataforma de venda de entradas Ataquilla.com asuma a devolución do diñeiro pagado por máis de seis mil persoas a pesar de que a firma organizadora Get Up Comunicación, non ingresou as cantidades necesarias para facer fronte ao reembolso.
O alcalde de Sanxenxo recoñeceu que non se puxo en contacto con esta empresa con sede social na localidade madrileña de Boadilla del Monte. "Non se pode facer nada, o que fixemos foi, desde o minuto uno, ser moi estritos moi esixentes coa licenza", para que se puidese montar este espectáculo en "uns terreos privados" do polígono empresarial de Nantes.
Ningunha outra responsabilidade asume o Goberno local, unha visión que non comparte o grupo municipal do BNG que insiste en pedir explicacións e denuncia que Concello dispuxo "o 100% do mobiliario urbano municipal, marquesiñas e mupis" para publicitar o Maestral "sen que haxa constancia de que houbese contraprestación económica para as arcas públicas, nin acordo do consello de administración da empresa municipal Insula", que é a encargada de xestionar estas marquesiñas.
Ademais engaden os nacionalistas que "atopámonos a catro empregados públicos contratados para o servizo de limpeza, con camiseta amarela co distintivo e logo do Concello de Sanxenxo limpando nas parcelas privadas onde se desenvolvía o evento e na parcela lindeira".
Relacionadas:
-
O PSOE de Sanxenxo pide que o Concello cree una oficina de atención aos damnificados pola cancelación do Maestral
Por Redacción |
-
Afundación faise cargo dos pagos do Maestral
Por Almu Dapena |
-
A Unión de Consumidores pide a consumo que investigue a cancelación do Maestral
Por Almu Dapena |
-
O PSOE e o BNG piden explicacións a Telmo Martín pola cancelación do festival Maestral
Por Redacción | Creada e actualizada
-
As empresas afectadas pola cancelación do Maestral crearán unha plataforma
Por Oskar Viéitez |