A renovación paisaxística da praza de Santa Teresa de Jesús Jornet será unha realidade a finais de setembro
Por Redacción
Os traballos para a humanización e renovación paisaxística da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet comezarán esta semana e serán unha realidade a finais de setembro.
Segundo a información facilitada polo concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, os traballos teñen un prazo máximo previsto de execución dun mes dende o inicio das actuacións suporán e unha mellora e acondicionamento integral dos espazos públicos neste barrio pontevedrés.
A actuación contratouse á firma Jara Jardinería Calvarro SL e terá un custo de 14.981,74 euros.
Este proxecto márcase como obxectivos optimizar as condicións de confort da zona mediante a renovación do mobiliario existente, levar a cabo unha renovación completa dos xardíns que rodean a praza e dotalos dun sistema de rega por goteo que permita mantelos en perfecto estado cun aforro no emprego de auga.
As obras contemplan un novo axardinamento coa incorporación dunha composición de especies arbustivas e tapizantes cunha variada gama de flores de diferentes cores ao longo das catro estacións. Ao remate dos traballos, todos os parterres contarán cunha malla antiherbas coa finalidade de reducir e facilitar as labores de mantemento das zonas verdes.
Iván Puentes asegura que a intención é respectar o estrato arbóreo dos xardíns e potencialo coa incorporación dalgunha árbore singular. No que atinxe á praza en si, realizarase unha mellora do mobiliario e do aspecto xeral mediante o pintado en varias cores de gamas harmónicas, cunha pintura antiesvarante acaída para pavimentos.
Ademais, o proxecto coordinado dende o servizo municipal de Parques e Xardíns prevé a reparación de cinco bancos e dúas cadeiras, a reposición do pavimento, a instalación dunha tubería de polietileno e dunha mangueira de goteo e a súa conexión á rede.
Entre as flores, arbustos e plantas que se empregarán para o axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes.
Relacionadas:
-
A praza de Santa Teresa de Jesús Jornet estrea imaxe: xardíns renovados e nova varanda
Por Redacción |
-
Novo avance na rexeneración do parque de Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Redacción |
-
Instalan os primeiros elementos de mobiliario da nova praza de Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Redacción |
-
Crearán un novo xardín en Santa Teresa de Jesús Jornet para mellorar a imaxe do barrio
Por Redacción |
-
Rematada a reparación de máis de 200 bancos na cidade
Por Redacción |
-
Os socialistas solicitan melloras para a rúa Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Oskar Viéitez |