Unha App reunirá toda a oferta e os servizos turísticos de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín acaba de anunciar que contratará unha nova aplicación para dispositivos móbiles (App) de contido turístico que ofreza ao visitante os lugares de interese turístico e actividades culturais, deportivas ou de interese xeral que se organizan na localidade.
A App financiarase con cargo a unha subvención do GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) e ten un orzamento de 30.000 euros. Ademais, incluirá unha nova web.
O obxectivo do Concello é que supoña dar un paso adiante na comunicación e utilización das novas tecnoloxías para mellorar a información que se facilita ao turista, achegar datos de calidade e ofrecer asesoramento.
Permitirá unha xestión integral dos contidos turísticos e da oferta cultural de Marín, co obxectivo de que a persoa que elixa Marín como destino teña á súa disposición de maneira integral todas as oportunidades que se lle ofrecen.
A nova ferramenta reunirá toda a información do destino turístico nunha multiplataforma. Asi, deseñarase un portal web de Turismo, desenvolverase a App multiplataforma e crearanse un banco de imaxes e textos descritivos.
O Concello xa recibiu varias ofertas para executar este proxecto que cubrirá un baleiro que existía en Marín neste campo, pois carecían de App para dispositivos móbiles.