Un xulgado debe volver investigar un caso de violencia de xénero tras arquivalo de forma "absolutamente precipitada"
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra deberá reabrir unha causa aberta por un presunto delito de violencia de xénero tras pechalo de forma "absolutamente precipitada". Así llo ordenou a Sección Cuarta da Audiencia Provincial, que revisou o caso a pedimento da vítima e ordenou que se reabra a investigacion,.
O xulgado en cuestión, especializado en delitos de violencia sobre a muller, recibiu o caso doutro órgano xudicial e, nada máis tramitalo, acordou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións e deixou sen efecto a orde de protección acordada polo Xulgado anterior. Ocorreu en maio deste ano, tan só uns días despois da denuncia tramitada pola vítima, pero en xullo a Audiencia Provincial xa ordenou volver atrás e ordenar que se practiquen novas dilixencias de investigación para o total esclarecemento dos feitos.
Nesta causa figuran dúas denuncias da vítima contra o seu ex esposo, con quen xa non convive, os días 7 e 11 de maio. Na primeira expuxo unha situación de constante acoso por parte da súa parella e uns malos tratos prolongados no tempo que incluían empuxóns e agarróns de pelo, insultos como puta ou 'zorra' e vexacións.
Tras esa primeira denuncia, denegóuselle a orde de protección ao non apreciar nese momento situación de risco obxectivo.
Catro días despois, presentou unha segunda denuncia por feitos que poderían supoñer un delito leve de coaccións, pois o seu ex esposo, segundo relatou, realizou ata 26 chamadas de teléfono nun espazo temporal de 6 a 7 horas, presentouse no domicilio ás 5 da madrugada chamando insistentemente ao timbre da vivenda e accedeu ao interior do vehículo da muller en contra da súa vontade.
Tras esa segunda denuncia, a xuíza que revisou a causa acordou ditar orde de protección con medidas penais e civís ao considerar que existía unha situación de risco obxectivo para a vítima, pois non era descartable que condutas como as realizadas se repetisen ou, mesmo, aumentasen de intensidade.
Ese primeiro xulgado, con todo, tivo que inhibirse en favor doutro, o especializado en materia de violencia sobre a muller e, curiosamente, tres días despois deses feitos, o 14 de maio, decidiu arquivar a causa.
A Audiencia Provincial acaba de revisar ese arquivo e conclúe que non comparte esa decisión, pois se acordou nada máis recibir a causa o novo xulgado "sen a práctica de ningunha dilixencia de investigación que poida apoialo".
"Consideramos, no caso concreto, que é contrario ao principio de seguridade xurídica e, ademais, resulta absolutamente precipitado", sostén o tribunal provincial. A Sección Cuarta recoñece que pode "estar de acordo en que as condutas denunciadas non revisten unha especial intensidade", pero considera que "non por iso deben deixar de ser investigadas".
A Audiencia considera que os feitos poderían ser constitutivos dun delito de coaccións leves sobre a muller, sobre todo, cando existen testemuñas (irmá e amiga da vítima) que poderían dar razón dos episodios denunciados. Ademais, valora a posibilidade de realizar unha exploración xudicial aos fillos menores de idade e solicitar os correspondentes informes ao CIM pontevedrés sobre a atención psicolóxica prestada á vítima e se a mesma é derivada do conflito conxugal.
En relación coa orde de protección que fora desactivada, considera que non é momento de reabrila.