Investigan unha condutora que tivo un accidente no Nó de Bombeiros e case cuadriplicou a taxa de alcoholemia
Por Natalia Puga
Unha muller de 50 anos está a ser investigada pola Garda Civil de Tráfico como presunta autora dun delito contra a seguridade viaria tras detectar que conducía cunha taxa de alcoholemia de 0,92 miligramos de alcol por litro de aire expirado, isto é, case catro veces superior á permitida, situada en 0,25.
A Garda Civil de Tráfico someteuna á taxa de alcoholemia despois de que se vise implicada nun accidente de circulación sobre as 20.30 horas deste sábado na rotonda do coñecido como Nó de Bombeiros. A muller deu positivo e acabou denunciada por superar a taxa permitida.
O accidente consistiu nunha saída de vía que non tivo maiores consecuencias lesivas. A condutora denunciada era a única ocupante do seu turismo e resultou ilesa. Resultou ser unha veciña de Cantabria de 50 anos.
O sinistro tivo como consecuencias derivadas importantes retencións no acceso a Pontevedra, pois coincidiu a unha hora na que a intensidade do tráfico é elevada polos vehículos que regresan da zona de praias e acceden a Pontevedra.