Unha condutora impacta, de madrugada, contra un turismo aparcado, un farol e un contedor en Cambados
Por Redacción
Unha condutora protagonizaba un espectacular accidente durante a madrugada deste luns na avenida de Castrelo no municipio de Cambados. Por causas que aínda se están investigando, a muller perdeu o control do vehículo que pilotaba e saíase da vía.
O turismo sufría importantes danos ao impactar frontolateralmente contra outro vehículo que se atopaba aparcado na avenida, contra un farol e contra un contedor. A violencia do golpe provocou que saltase o airbag da única ocupante do coche.
Ata o lugar desprazábanse, ademais de integrantes do servizo de emerxencias do Concello de Cambados, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e Atestados, ademais dunha ambulancia do 061.
A condutora rexeitou o traslado a un centro sanitario para que se lle realizase unha exploración médica.