O PP de Pontevedra pide a mellora do servizo de residuos e unha campaña de desratización
Por Manu Otero
O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra saíu este luns ao paso da información publicada por PontevedraViva na que os hostaleiros da contorna do Teatro Principal queixábanse dos problemas de limpeza da zona. "Non podemos permitirnos vivir nunha Pontevedra sucia", dixo o portavoz popular, Rafa Domínguez, apoiándose en testemuños de veciños e un vídeo publicado por este medio.
Pola súa banda, desde o Concello achacan esa sobrecarga á masiva afluencia de visitantes á cidade durante o verán e consideran os problemas de limpeza "algún foco sen importancia", declarou a portavoz do BNG, Anabel Gulías.
A denuncia de Domínguez baseouse en tres alicerces. Por unha banda, reclamou unha campaña de desratización para reducir a poboación destes roedores que foron avistados tanto en distintos puntos do centro urbano como nas parroquias do rural. "Víronse en zonas céntricas de Pontevedra, imos solicitar un plan de desratización", sinalou.
Para acabar coa presenza de contedores sobrecargados e bolsas de lixo tiradas no chan, os populares propoñen "recollida porta a porta, que evitaría que o lixo estea nas rúas xerando mala imaxe e malos cheiros". Ademais esixen unha mellor planificación dos horarios de recollida para evitar molestias aos viandantes. "Moitas veces o camión pasa por Benito Corbal ás seis da tarde", critica o líder da oposición.
O contrato da recollida de lixos en Pontevedra, en mans de Ferrovial, está prorrogado e expira no 2021. Desde o PP insisten na necesidade de sacar un novo concurso, pero mentres tanto optan por mellorar o servizo. "Hai que facer algo, máis días de recollida no rural e servizo porta a porta", propón Domínguez, convencido de que son medidas que se poden facer e que non repercutirán no prezo.
No goberno local sorprendeu a intervención do líder popular. "Do PP agardaba unha valoración do éxito deste agosto en Pontevedra. Pero nada lles parece positivo", lamentou Gulías, quen detallou que as campañas de desratización fanse periodicamente durante todos os meses do ano. "Dicir que ven ratas na cidade parece máis unha postal apocalíptica que unha realidade", rematou.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez, en Oviedo: "Hai alternativas para ter unha cidade máis limpa"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez pedirá no pleno que o Concello se tome en serio a recollida de lixo na cidade
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
No PP local afirman que non deixan de chegarlles "denuncias sobre a presenza de ratas" na cidade
Por Redacción |
-
As protestas pola falta de limpeza dos contedores expándense pola zona vella
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Non é unha folga de recollida de lixos, é o día a día da contorna do Teatro Principal
Por Manu Otero |