Detéñeno por furto pola mañá e repite esa mesma tarde
Por Diego Espiño
Mal día para ser ladrón. Polo menos é o que debeu pensar un mozo de 26 anos, con antecedentes e vello coñecido dos axentes, que foi interceptado en Pontevedra pola Policía Local dúas veces no mesmo día, o pasado 21 de xuño, co resultado de tres imputacións por furto.
O primeiro dos sucesos sitúase arredor das 13:00 horas na rúa Rouco, cando segundo relatan dende a propia Policía Local, reciben unha chamada alertando de que un home entrara nunha tenda pedindo á dependenta que lle gardara unha bolsa mentres ía buscar o seu coche, alertando a mesma dependenta aos axentes ante as dúbidas que lle xurdían.
Unha vez no local, os policías comprobaron que na bolsa se encontraba un portátil e dispuxéronse a esparar polo individuo. Ao chegar os axentes interrogaron o sospeitoso e ao ver que o seu relato incluía contradicións, como o feito de non posuír nin carné de conducir nin coche, interviñeron o ordenador, que resultou pertencer a unha empresa de Gondomar que denunciara o roubo a un dos seus comerciais esa mesma mañá.
Xa pola tarde, na céntrica rúa Michelena, unha parella de axentes observaron de novo ao mesmo mozo correndo perseguido por dúas persoas, os que explicaron que estaban a traballar cando un viandante lles alertou de que o individuo en cuestión entrara no seu coche e sustraido un bolso con documentos e diñeiro, bolso que levaba na súa man.
Por se fose pouco, ao rexistralo, os funcionarios policiais encontraron un teléfono que o detido, unha vez lle pediron que o apagase, non puido volver acender, descubrindo posteriormente nunha tenda de telefonía que pertencía a unha muller que o botara en falta.
Por todo iso, segundo fontes policiais, ao mozo imputáronselle por tres furtos, tendo que responder agora por iso nun xuízo rápido.