Esta fin de semana está chea de actividades en Cuntis
Por Redacción
Esta fin de semana está chea de actividades no concello de Cuntis. Entre outras propostas, este sábado 31 de agosto celébrase a Revolta do Umia e o domingo 1 de setembro terá lugar a Cronoescalada a Mesego.
A terceira edición da Revolta do Umia contará con dous percorridos (de 4 e de 10 quilómetros aproximadamente) que estarán debidamente sinalizados permitindo que os camiñantes circulen en velocidade libre atendendo ao seu nivel físico persoal.
Este circuíto transcorre polo tramo da vía romana da aldea de Vilar de Mato, por corredoiras entre carballos e por pequenos carreiros á beira do Río Umia. Así, ademais de practicar deporte os participantes poderán coñecer zonas de especial interese paisaxístico e arqueolóxico, como os petróglifos de Cequeril.
A participación é gratuíta e será preciso anotarse previamente nun formulario que recompilará os datos pertinentes para tramitar o seguro de accidente para a actividade.
A data límite para anotarse é o xoves día 29 as 22:00 horas, no formulario dispoñible nesta ligazón
Haberá servizo de autobuses tamén gratuíto desde a vila de Cuntis a partir das 11:00 horas. Para o regreso á vila o servizo de autobuses empezará a facer viaxes a partir dás 14:30 horas.
CRONOESCALADA A MESEGO
En canto á cronoescalada a Mesego, esta proba ciclista organizada polo Club de Montaña Xesteiras, terá un percorrido de 6 quilómetros e os corredores sairán o domingo do pavillón municipal ás 10:30 horas.
Para inscribirse é necesario entrar na seguinte ligazón que estará aberta ata o xoves 29 ás 23:59 horas.