A Garda Civil denunciou dous mozos que portaban tres armas brancas prohibidas a fin de semana en Poio
Por Redacción
A Garda Civil interceptou durante a pasada fin de semana a dous mozos que portaban tres armas brancas consideradas como prohibidas en Poio con ocasión da súa participación no festival Armadiña Rock que se celebrou en Combarro.
En total, a Garda Civil realizou 115 actuacións preventivas no marco do dispositivo especial de seguridade desenvolto en Poio para preservar a orde pública e a seguridade cidadá con ocasión do festival que, como vén sendo habitual, congregou unha importante afluencia de público.
Este operativo especial supuxo o traballo de efectivos das distintas especialidades da Garda Civil (Seguridade Cidadá, Patrulla Fiscal e Fronteiras, Servizo Cinolóxico e USECIC) e a maior parte da actuacións foron derivadas de infraccións administrativas.
De feito, a maior parte das infraccións detectadas foron pola tenencia e/ou consumo de estupefacientes na vía pública, dando lugar a que se formulasen 104 denuncias, o que supón o 90 % do total.
Tamén se realizaron dúas denuncias por falta de respecto aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións e outras dúas ao regulamento xeral de circulación.
No ámbito penal sobresae a investigación do suposto autor do furto de mobiliario municipal e a detención dun veciño de Poio por quebrantamento de condena, ao ser sorprendido no seu vehículo ca súa ex parella, da que ten unha orde de afastamento.