O alcalde de Campo Lameiro pregunta polas obras de saneamento no lugar de Reboredo
Por Redacción
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, mantivo este martes unha entrevista co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís co obxectivo de analizar melloras no saneamento no lugar de Reboredo.
Cores Tourís trasladoulle ao rexedor que a administración autonómica está a redactar nestes intres un proxecto de saneamento para esta área que suporía un investimento de 360.000 euros, o que permitirá continuar a instalar novas tubaxes e construír unha pequena depuradora que dará servizo a esta parroquia.
Para a execución destas obras, a Xunta de Galicia firmará co concello de Campo Lameiro un convenio que suporá que os traballos sexan asumidos ao 80% pola administración autonómica e ao 20% polo concello.
Esta obra virá a completar as dúas obras de instalación de tubaxes de saneamento que levou a cabo o concello en Reboredo.
Por outra banda, durante o encontro Carlos Costa e José Manuel Cores Tourís analizaron tamén a posibilidade de que, a medio prazo, a administración autonómica estude a creación doutra depuradora que dea servizo aos lugares de Cerdeira, Mullerboa, Fontenla e o Toural. Para a execución desta obra se firmaría un convenio similar ao de Reboredo.