Nove horas de verbena co Combo Dominicano poñen fin ás Festas das Dores de Ponte Caldelas
Por Redacción
Milleiros de persoas asistiron na noite deste martes e a madrugada deste mércores ao evento que puxo punto e final ás Festas das Dores de Ponte Caldelas, unha verbena de nove horas co Combo Dominicano como principal reclamo.
Esta coñecida agrupación musical estivo acompañada polas orquestras La Oca Band e Nevada Band e, entre todas, ofreceron música para miles de persoas entre as once da noite do martes e as oito da mañá deste mércores.
Segundo indicou o Concello, a gran maioría dos asistentes resistiron as nove horas de baile para rematar, tal e como manda a tradición, cun chocolate con churros. Este mércores, ademais, despois da noite de festa e o almorzo doce, é festivo local en Ponte Caldelas e chegará un día no que as atraccións de feira celebran o Día do Neno con prezos reducidos a partir das 17.00 horas.
O Combo Dominicano puxo a bailar aos milleiros de asistentes con temas tan propios como 'El meneíto' (tema que protagoniza o nome da xira deste ano) ou tamén co seu éxito 'La cucaracha', todo acompañado coas súas famosas coreografías. Ademais, versionaron cancións do momento que, coma sempre, adaptaron aos seus ritmo de merengue, bachata e cumbia.
Esta noite de música e baile puxo o broche de ouro a unhas exitosas festas das Dores. Tras o Día do Neno, que se celebrará este mércores 28, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz fará un balance destas Festas das Dores. A modo de balance previo xa sinalou que unha das claves do éxito destas Festas das Dores é que "en Ponte Caldelas, os que nos visitan, séntense coma na casa, somos un pobo acolledor, e a diversión e bo ambiente durante estes días está máis que garantido".