Pontevedra explotará turisticamente a relevancia europea do seu porto comercial no medievo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Concello de Pontevedra ten previsto cambiar o funcionamento do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), que se atopa no acceso á avenida de Santa María. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, quere que este espazo pase a converterse no Centro de Interpretación da Cidade Medieval.
O cambio busca que o actual espazo do CITA sexa o centro de recepción de visitantes para articular roteiros con espazos arqueolóxicos na cidade. Esta proposta sería desarrollada cun proxecto de musealización con sinalamento dos espazos e a posta en marcha de diversas iniciativas nas que o goberno local quere implicar a outras institucións como o Museo de Pontevedra.
A finais deste ano, o goberno agarda que os técnicos municipais definan a estrutura e en 2020 se analicen os contidos para levar a cabo ese proxecto onde a relevancia do porto comercial de Pontevedra nos séculos XV e XVI contará con especial protagonismo. Moreda explicou que igual que na Coruña contan coa Torre de Hércules ou Lugo coa Muralla, Pontevedra debe explotar a importancia europea do seu porto medieval onde había unha ampla actividade das embarcacións que realizaban distintos roteiros.
Xaquín Moreda explicaba esta proposta no Campillo de Santa María onde esta semana rematarán os traballos de limpeza de malas herbas nos restos da muralla. O concelleiro explicaba que esta actuación tivo que ser manual e sen herbicidas para evitar danos no conxunto histórico.
Relacionadas:
-
Coa limpeza a man dos restos arqueolóxicos, o Campillo de Santa María loce ante os turistas
Por Redacción |
-
O director do Museo intégrase nunha misión internacional de expertos en arte rupestre en Georgia
Por Redacción |
-
A Deputación fomentará o turismo arqueolóxico a través da musealización dos castros
Por Redacción |