Detido "o simpa do Salnés" cun coche roubado en Holanda
Por Redacción
A Garda Civil detivo a un veciño de Sanxenxo ao ser sorprendido cando conducía un coche de alta gama que supostamente subtraera en Países Baixos. O vehículo levaba as placas de matrícula doutro da mesma marca, pero de distinto modelo.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon a pasada fin de semana cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto Principal de Sanxenxo crúzase cun turismo da marca Mercedes que ía conducido por un veciño da vila coñecido polos axentes polo seu amplo historial delituoso, entre eles varios "simpa" unha estafa consistente en irse dun establecemento sen pagar a conta.
A patrulla deulle o alto e ao solicitar os axentes a titularidade do vehículo comprobaron que as placas de matrícula correspondíanse con outro da mesma marca, pero distinto modelo, propiedade dun veciño de Noalla.
A investigación concluíu o pasado martes coa localización do Mercedes estacionado diante do domicilio que ten esta persoa en Portonovo.
Segundo as investigacións realizadas, púidose comprobar que esta persoa ten dobre nacionalidade, española e de Países Baixos. Sábese que a principios de mes estivo nun concesionario de vehículos usados en Holanda onde se interesou pola compra dun Mercedes. Segundo a información solicitada pediu que lle permitisen facer un percorrido de proba co vehículo para concretar a compra e non o restituíu, regresando a España inmediatamente.
O chegar a Sanxenxo, co obxecto de pasar máis desapercibido, cambioulle as placas de matrícula por outras españolas que se corresponden con outro turismo Mercedes pero de distinto modelo, propiedade dun veciño de Noalla.
Esta persoa que conta cun amplo historial delituoso, a maior parte deles relacionados con estafas en hoteis e restaurantes (simpas), foi detido nesta ocasión como presunto autor dun delito de furto e outro de falsidade documental. Foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda de Cambados que decretou a súa liberdade provisoria con cargos.
O vehículo quedou depositado nas dependencias do cuartel da Garda Civil de Sanxenxo, pendente de resolución xudicial para ser recollido polo seu propietario.