Esta semana inícianse as obras de reurbanización da Rúa da Pedra
Por Redacción
Cun importe de 289.902 euros, esta semana van iniciarse os traballos para a reforma da Rúa da Pedra, un espazo que soporta un alto grado de mobilidade diaria, segundo indican desde o Concello, debido á presenza do CEIP Plurilingüe A Pedra; os dous institutos, Johán Carballeira e Illa de Ons; o centro de saúde e o pavillón municipal Pablo Herbello.
Este mércores visitaba a contorna o alcalde de Bueu, Félix Juncal, acompañado por responsables da empresa adxudicataria das obras, COVSA. Alí comprobaron como se van desenvolver as actuacións centradas na modificación das actuais redes de abastecemento e saneamento; a mellora da circulación de persoas con mobilidade reducida con aumento da anchura das beirarrúas; a supresión de barreiras arquitectónicas e a aplicación de sinalización horizontal e vertical.
Félix Juncal sinalou que o goberno local traballa coa idea de ampliar o número de prazas de aparcamento, coa creación dun espazo de 90 prazas fronte ao Pavillón e outro de 25 fronte ao colexio da Pedra.
O alcalde manterá un encontro este venres 30 de agosto coa veciñanza ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello para informar sobre os prazos desta obra. Durante esa mesma mañá xuntarase coas directivas dos centros educativos, asociacións de nais e pais e representantes do centro de saúde co obxectivo de coordinar ben as obras coa actividade diaria.
Estas obras realízanse con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra.